Nestas pantallas recóllense algúns datos persoais e familiares necesarios con carácter xeral para elaborar a declaración do IRPF. Estas pantallas aparecerán de forma sucesiva e deberán consignarse os datos esixidos en función das súas circunstancias persoais e familiares.
A determinación dos membros da unidade familiar e das circunstancias familiares realizarase atendendo á situación existente o 31 de decembro de cada ano, salvo no caso de falecemento durante o ano dalgún membro da unidade familiar; neste caso o período impositivo rematará e xerarase o imposto na data do falecemento.
Hai que ter en conta tamén que algunhas deducións autonómicas esixen outros datos persoais que se solicitan nas pantallas reservadas para cubrir as DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS DA COTA.
Atención: unha vez confirmados os datos relativos ao estado civil, á existencia ou non de fillos que formen parte da unidade familiar, á consideración do cónxuxe como non residente que non é contribuínte polo IRPF, dos descendentes perceptores de rendas (fillo 1, fillo 2, fillo 3 e fillo 4) e á data de falecemento do contribuínte, ao saír do asistente para cubrir os datos persoais, non poderán ser modificados con posterioridade; a súa variación suporá a necesidade de comezar unha nova declaración. Esta circunstancia é advertida polo programa antes da súa confirmación definitiva mediante unha pantalla de comprobación que aparece ao acabar de cubrir os datos persoais.