- "PRIMEIRO DECLARANTE"
Unha vez facilitada a información necesaria no asistente de datos persoais, o programa trasladará o número de identificación fiscal (NIF), os apelidos e nome, o sexo, o estado civil, a data de nacemento e, se é o caso, o grao de discapacidade do "Primeiro declarante" á pantalla de datos persoais.
Non é necesario adherir as etiquetas nos modelos que se xeren informaticamente mediante a utilización do módulo de impresión desenvolvido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, como sucede con todas as declaracións xeradas pola utilización deste programa.
- REPRESENTANTE
Neste espazo deberán cubrirse os datos do representante legal dos menores de idade ou das persoas incapacitadas xudicialmente, así como os daqueloutros contribuíntes que voluntariamente lle conferisen a súa representación a outra persoa, nos termos previstos no artigo 46 da Lei xeral tributaria.
Como representante do declarante menor de idade figurará o seu pai, nai ou titor.
Como representante do declarante incapacitado xudicialmente figurará o titor ou, se é o caso, o curador.
Como representante do declarante falecido figurarán os seus herdeiros ou legatarios.
- DATOS DO CÓNXUXE
Neste apartado aparecerán indicados os datos persoais do cónxuxe.
- DOMICILIO HABITUAL ACTUAL DO PRIMEIRO DECLARANTE
Os datos relativos ao domicilio deberán cubrirse necesariamente a través da ventá de captura que se abre no recadro "Tipo de vía pública" e indicarase previamente se reside ou non en territorio español.
- Tipo de vía pública: farase constar a denominación correspondente ao tipo ou clase de vía pública: rúa, praza, avenida, glorieta, paseo, estrada, baixada, costa, rambla, pasaxe etc.
- Nome da vía pública: farase constar coa máxima precisión o nome completo da vía pública correspondente ao domicilio.
- Tipo de numeración: deberá indicar o tipo de numeración: número (NÚM), quilómetro (KM), sen número (S/N), outros (OTR) etc.
- Número: deberá indicar o número do recadro ou, se é o caso , o punto quilométrico.
- Cualificador de número: se procede, consigne tamén o dato que complete o número da casa: bis, duplicado (DUP), moderno (MOD), antigo (ANT) etc., ou o punto quilométrico (metros).
- Bloque, portal, escaleira, planta, porta
- Datos complementarios do domicilio: se é o caso, faranse constar os datos adicionais que resulten necesarios para a completa identificación do domicilio, como, por exemplo, urbanización, edificio, residencial, polígono etc.
- Localidade/Poboación: consigne neste recadro o nome da localidade ou poboación na que se encontra situado o domicilio, cando sexa distinta do municipio.
- Provincia : deberá seleccionarse da lista que se desprega neste recadro.
- Código postal: indicarase o código postal asignado á vía pública do domicilio.
- Municipio: consignarase o municipio concreto onde se encontra o domicilio, ben directamente ou ben seleccionándoo da lista que se desprega neste recadro.
- Localidade/Poboación: deberá consignarse se o seu nome é distinto ao do municipio.
- Teléfono fixo: co fin de axilizar a resolución das incidencias que poidan xurdir na tramitación da declaración, poderá facilitar un número de teléfono fixo (incluíndo o prefixo) no que poida ser máis facilmente localizado en días e horas laborables. Así mesmo, poderá facilitar, se é o caso, o número de fax.
- Teléfono móbil: co fin de axilizar a resolución das incidencias que poidan xurdir na tramitación da declaración, sería moi conveniente facilitar un número de teléfono móbil.
Atención:
Se o domicilio do cónxuxe, fillo 1, fillo 2, fillo 3 ou fillo 4 fose distinto do do primeiro declarante, deberá marcar cunha X o recadro establecido para o efecto, co fin de que se poidan cubrir estes domicilios.
- CAMBIO DE DOMICILIO
As persoas físicas que non desenvolvan actividades empresariais ou profesionais e non satisfagan rendementos suxeitos a retención ou ingreso á conta, deberán utilizar o modelo 030 para comunicar o cambio de domicilio fiscal no prazo de tres meses desde que se produza. Non obstante, a comunicación de cambio de domicilio deberá efectuarse no modelo de declaración de IRPF se o seu prazo de declaración finalizase antes do vencemento do citado prazo de tres meses, salvo que, con anterioridade, xa se comunicase o cambio de domicilio no modelo 030.
Polo tanto, se cambiou de domicilio en 2015 e non o comunicou no modelo 030, debe marcar o recadro "Cambio de domicilio".
Empresarios ou profesionais
Os contribuíntes que teñan a consideración de empresarios ou profesionais e cambiasen de domicilio habitual, deberán comunicar o dito cambio presentando a preceptiva declaración censual (modelo 036 ou 037).
- DOMICILIO HABITUAL ACTUAL DO CÓNXUXE
Só deberá facilitar o domicilio do cónxuxe no suposto de declaración conxunta se, pola súa vez, é distinto do domicilio do primeiro declarante.
- VIVENDA HABITUAL
Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá consignar os seguintes datos relativos á vivenda na que ten o seu domicilio actual (ano 2015), xa sexa como propietario, usufrutuario ou arrendatario, ou como simple residente nesta por razóns de convivencia familiar ou outras.
Ademais, no suposto de propiedade, en todo ou en parte, da vivenda, faranse constar, se é o caso, os datos das prazas de garaxe, cun máximo de dúas, e dos rochos e anexos adquiridos conxuntamente con esta.
NOTA: se desexa que o programa traslade os datos da vivenda habitual actual á declaración do cónxuxe, deberá marcar cunha X o recadro correspondente da ventá.
• Titularidade
Deberá indicar unha das seguintes claves:
Clave 1. Propiedade: cando o primeiro declarante e/ou o cónxuxe sexan propietarios, total ou parcialmente, da vivenda habitual que constitúa o seu domicilio actual (incluíndo, se é o caso, as prazas de garaxe ata un máximo de dúas).
Tamén se consignará esta clave no suposto de declaracións individuais do fillo 1, do fillo 2, do fillo 3 ou do fillo 4 cando sexan propietarios da vivenda habitual que constitúa o seu domicilio actual.
ATENCIÓN: cando só un dos cónxuxes sexa propietario da vivenda, ambos deberán consignar a clave 1, indicando o 100 % de participación o cónxuxe propietario.
Clave 2. Usufruto: cando o primeiro declarante e/ou o cónxuxe sexan usufrutuarios, total ou parcialmente, da vivenda habitual que constitúa o seu domicilio actual (incluíndo, se é o caso, as prazas de garaxe ata un máximo de dúas).
Tamén se consignará esta clave no suposto de declaracións individuais do fillo, do fillo 2, do fillo 3 ou do fillo 4 cando sexan usufrutuarios da vivenda habitual que constitúa o seu domicilio actual.
ATENCIÓN: cando só un dos cónxuxes sexa usufrutuario da vivenda, ambos deberán consignar a clave 2, indicando o 100 % de participación o cónxuxe usufrutuario.
Clave 3. Arrendamento: cando o primeiro declarante, o cónxuxe ou ambos teñan como domicilio actual unha vivenda arrendada.
Tamén se consignará esta clave se o fillo1, o fillo 2, o fillo 3 ou fillo 4 son arrendatarios da vivenda habitual.
Neste caso tamén deberá indicar o NIF do arrendador. Se o arrendador non reside en España e non ten NIF español, deberá indicar o número de identificación que teña no país de residencia.
Clave 4. Outras situacións: para calquera outra situación distinta das que se deben reflectir nas claves 1, 2 e 3 anteriores.
Deberá consignarse a clave 4 cando non se teña ningún título xurídico sobre a vivenda ou exista título distinto dos indicados nas claves anteriores.
A título de exemplo, deberán consignar a clave 4 cando o primeiro declarante, o cónxuxe ou ambos convivan co propietario, usufrutuario ou arrendatario da vivenda (por exemplo, vivenda dos pais na que tamén viven os fillos) ou nos supostos de vivenda cedida ao contribuínte pola empresa etc.
• Referencia catastral
Consignarase a referencia catastral da vivenda e, se é o caso, de cada unha das prazas de garaxe adquiridas conxuntamente con esta, cun máximo de dúas.
Este dato deberá indicarse calquera que sexa o tipo de titularidade do inmoble que constitúa o seu domicilio actual (é dicir, propiedade ou usufruto, arrendamento ou outras situacións, claves 1, 2, 3 ou 4).
A referencia catastral figura no recibo do imposto sobre bens inmobles (IBI) e pode obterse, así mesmo, obterse na páxina da oficina virtual do catastro en internet, no enderezo http://www.sedecatastro.gob.es/, nesta mesma páxina do programa hai unha ligazón directa á web da seguinte forma:
1º. Entre no apartado de acceso libre, referido aos datos catastrais non protexidos.
2º. Introduza os datos de localización do inmoble.
3º. Pulse "Consultar datos".
Tamén poderá coñecer a referencia catastral do inmoble chamando á liña directa do catastro (teléfono: 902 373 635)
• Porcentaxe de participación en caso de propiedade ou usufruto
Deberá indicarse, con dous decimais, a porcentaxe de participación na propiedade ou usufruto da vivenda ou das prazas de garaxe.
• Situación da vivenda
Seleccionarase de entre as seguintes claves a que corresponda á situación da vivenda:
Clave 1. Inmoble con referencia catastral situado en calquera punto do territorio español, excepto País Vasco e Navarra.
Clave 2. Inmoble situado na Comunidade Autónoma do País Vasco ou na Comunidade Foral de Navarra.
Clave 3. Inmoble en calquera das situacións anteriores pero sen referencia catastral.
Clave 4. Inmoble situado no estranxeiro.