CUESTIÓNS XERAIS > IDEAS PREVIAS

CONTRIBUÍNTES POLO IRPF

 

Son contribuíntes polo IRPF (art. 8 da lei):

 

a)   As persoas físicas que teñan a súa residencia habitual en territorio español.

 

b)   As persoas físicas que tivesen a súa residencia habitual no estranxeiro por algunha das circunstancias previstas na alínea B) desta epígrafe.

 

 

A)  RESIDENCIA HABITUAL EN TERRITORIO ESPAÑOL (art. 9 da lei)

 

Entenderase que o contribuínte ten a súa residencia habitual en territorio español cando se dea calquera das seguintes circunstancias:

 

1-   Permanencia durante máis de 183 días

 

Cando permaneza máis de 183 días, durante o ano natural, en territorio español.

 

Para determinar este período de permanencia en territorio español hai que ter en conta o seguinte:

 

-   Non se descontarán as ausencias esporádicas, salvo que o contribuínte acredite a súa residencia fiscal noutro país.

 

-   Non se computarán as estancias temporais en España que sexan consecuencia das obrigas contraídas en acordos de colaboración cultural ou humanitaria, a título gratuíto, coas administracións públicas españolas.

 

No suposto de países ou territorios dos cualificados regulamentariamente como paraíso fiscal, a Administración tributaria poderá esixir que se probe a permanencia nestes durante 183 días no ano natural.

 

2-   Base dos seus intereses económicos en España

 

Cando radique en España o núcleo principal ou a base das súas actividades ou intereses económicos, de forma directa ou indirecta.

 

3-   Presunción en caso de residencia do cónxuxe e fillos menores

 

Presumirase, salvo proba en contrario, que o contribuínte ten a súa residencia habitual en territorio español cando, de acordo cos criterios anteriores, residan habitualmente en España o cónxuxe non separado legalmente e os fillos menores de idade que dependan daquel.

 

 

B)  CONTRIBUÍNTES QUE TEÑEN A SÚA RESIDENCIA HABITUAL EN TERRITORIO ESTRANXEIRO

 

1-   Funcionarios e titulares de cargo ou emprego oficial no estranxeiro

 

Consideraranse contribuíntes polo IRPF as persoas de nacionalidade española, o seu cónxuxe non separado legalmente e fillos menores de idade que tivesen a súa residencia habitual no estranxeiro pola súa condición de:

 

a)   Membros de misións diplomáticas españolas, comprendendo tanto o xefe da misión, como os membros do persoal diplomático, administrativo, técnico ou de servizos desta.

 

b)   Membros das oficinas consulares españolas, comprendendo tanto o xefe destas como o funcionario ou persoal de servizos a elas adscritos, con excepción dos vicecónsules honorarios ou axentes consulares honorarios e do persoal dependente destes.

 

c)   Titulares de cargo ou emprego oficial do Estado español como membros das delegacións e representacións permanentes acreditadas ante organismos internacionais ou que formen parte de delegacións ou misións de observadores no estranxeiro.

 

d)   Funcionarios en activo que exerzan no estranxeiro cargo ou emprego oficial que non teña carácter diplomático ou consular.

 

Non será de aplicación o disposto no número anterior:

 

-   Cando as persoas a que se refire este parágrafo non sexan funcionarios públicos en activo ou titulares de cargo ou emprego oficial e tivesen a súa residencia habitual no estranxeiro con anterioridade á adquisición de calquera das condicións enumeradas neste.

 

-   No caso dos cónxuxes non separados legalmente ou fillos menores de idade, cando tivesen a súa residencia habitual no estranxeiro con anterioridade á adquisición polo cónxuxe, o pai ou a nai, das condicións enumeradas neste parágrafo.

 

 

2-   Cambio de residencia a un paraíso fiscal

 

Non perderán a condición de contribuíntes por este imposto as persoas físicas de nacionalidade española que acrediten a súa nova residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

 

Esta regra aplicarase no período impositivo en que se efectúe o cambio de residencia e durante os catro períodos impositivos seguintes.

 

Residentes que non se consideran contribuíntes

 

Cando non proceda a aplicación de normas específicas derivadas dos tratados internacionais nos que España sexa parte, non se considerarán contribuíntes, a título de reciprocidade, os nacionais estranxeiros que teñan a súa residencia habitual en España, cando esta circunstancia fose consecuencia dalgún dos supostos establecidos no parágrafo 1 anterior.