CONTINXENCIAS OBXECTO DE COBERTURA POLOS PLANS DE PENSIÓNS (art. 8.6 do Real decreto lexislativo 1/2002)
As continxencias cubertas polos plans de pensións poderán ser:
a) Xubilación. Para a determinación desta continxencia aplicarase o previsto no réxime de Seguridade Social correspondente.
Cando non sexa posible o acceso dun partícipe á xubilación, a continxencia entenderase producida a partir da idade ordinaria de xubilación no réxime xeral da Seguridade Social, no momento no que o partícipe non exerza ou cesase na actividade laboral ou profesional e non se encontre cotizando para a continxencia de xubilación en ningún réxime da Seguridade Social. Non obstante, poderá anticiparse a prestación da percepción correspondente a partir dos 60 anos de idade, nos termos que se establezan regulamentariamente.
Os plans de pensións poderán prever o pagamento da prestación correspondente á xubilación en caso de que o partícipe, calquera que sexa a súa idade, extinga a súa relación laboral e pase á situación legal de desemprego a consecuencia de expediente de regulación de emprego aprobado pola autoridade laboral. Regulamentariamente poderán establecerse condicións para o mantemento ou reiniciación das achegas a plans de pensións neste suposto.
A partir do acceso á xubilación, o partícipe poderá seguir realizando achegas ao plan de pensións. Non obstante, unha vez iniciado o cobramento da prestación de xubilación ou o cobramento anticipado da prestación correspondente á xubilación, as achegas só poderán destinarse ás continxencias de falecemento e dependencia. O mesmo réxime se aplicará, cando non sexa posible o acceso á xubilación, ás achegas que se realicen a partir da idade ordinaria de xubilación. Regulamentariamente poderán establecerse as condicións baixo as cales se poderán reiniciar as achegas para xubilación con motivo da alta posterior nun réxime da Seguridade Social por exercicio ou reiniciación de actividade.
O disposto nesta alínea a) entenderase sen prexuízo das achegas a favor de beneficiarios que realicen os promotores dos plans de pensións do sistema de emprego ao abeiro do previsto na alínea 3 do artigo 5 do Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións.
b) Incapacidade laboral total e permanente para a profesión habitual ou absoluta e permanente para todo traballo e a grande invalidez, determinadas conforme o réxime correspondente da Seguridade Social.
Regulamentariamente poderá regularse o destino das achegas para continxencias susceptibles de acaecer nas persoas incursas nas ditas situacións.
c) Morte do partícipe ou beneficiario, que poden xerar dereito a prestacións de viuvez, orfandade ou en favor doutros herdeiros ou persoas designadas.
d) Dependencia severa ou gran dependencia do partícipe regulada na Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
Para os efectos do previsto na disposición adicional primeira do Real decreto lexislativo 1/2002, as continxencias que se deberán instrumentar nas condicións establecidas nesta serán as de xubilación, incapacidade, falecemento e dependencia previstas respectivamente nas alíneas a), b), c) e d) anteriores.
Os compromisos asumidos polas empresas cos traballadores que extingan a súa relación laboral con esta e pasen a situación legal de desemprego a consecuencia dun expediente de regulación de emprego, que consistan no pagamento de prestacións con anterioridade á xubilación, poderán ser obxecto de instrumentación, con carácter voluntario, de acordo co réxime previsto na disposición adicional primeira do Real decreto lexislativo 1/2002, en cuxo caso se someterán á normativa financeira e fiscal derivada desta.