A presentación electrónica das declaracións estará suxeita ás seguintes condicións:
1) O declarante deberá dispoñer de número de identificación fiscal (NIF) previamente incluído na base de datos de identificación da AEAT (Censo de obrigados tributarios).
No caso de declaración conxunta formulada por ambos os cónxuxes, as anteriores circunstancias deberán concorrer en cada un deles.
Para verificar o cumprimento deste requisito, o contribuínte poderá acceder á opción “Mis datos censales”, dispoñible na sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria, á que se pode acceder a través do portal da Axencia Tributaria en internet (www.agenciatributaria.es) ou ben directamente no enderezo electrónico https://www.agenciatributaria.gob.es
2) No caso de presentación con certificado electrónico, o obrigado tributario deberá dispor dun certificado electrónico recoñecido, que poderá ser o asociado ao documento nacional de identidade electrónico (DNI-e) ou calquera outro certificado electrónico recoñecido que, segundo a normativa vixente en cada momento, resulte admisible pola Axencia Tributaria. No caso de declaración conxunta formulada por ambos os cónxuxes, ambos deberán dispoñer do correspondente certificado electrónico recoñecido.
No caso de presentación mediante o sistema Cl@ve PIN, o obrigado tributario deberá estar dado de alta no dito sistema e dispoñer dun Cl@ve PIN válido. No caso de declaración conxunta formulada por ambos os cónxuxes, ambos deberán dispoñer do correspondente Cl@ve PIN válido.
No caso de presentación mediante número de referencia, deberase consignar o NIF do declarante ou declarantes e do número ou números de referencia do borrador ou dos datos fiscais previamente subministrados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria conforme o procedemento establecido para o efecto. Neste caso, a Axencia Estatal de Administración Tributaria adoptará o correspondente protocolo de seguridade que permita garantir a identidade dos contribuíntes que utilicen os ditos datos para a presentación.
3) Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiros, deberá dispoñer do seu certificado electrónico recoñecido nos termos comentados no primeiro parágrafo do punto 2) anterior.
4) Para efectuar a presentación telemática, o declarante ou, se é o caso, o presentador autorizado deberá utilizar previamente un programa informático para obter o ficheiro coa autoliquidación para transmitir.
Este programa de axuda poderá ser o programa PADRE para a declaración do IRPF do exercicio 2014 desenvolvido pola Axencia Tributaria ou outro que obteña un ficheiro co mesmo formato e suxeito a iguais características e especificacións ca aquel.