CONDICIÓNS DOS ACTIVOS EN QUE SE INVISTAN AS PROVISIÓNS MATEMÁTICAS (art. 14.2.h) da lei)
O artigo 14.2 h) da Lei do imposto regula os activos en que se poden investir as provisións matemáticas dos seguros "unit linked" e as condicións e requisitos que se deben cumprir durante toda a vixencia dos contratos:
A) ACCIÓNS OU PARTICIPACIÓNS DE INSTITUCIÓNS DE INVESTIMENTO COLECTIVO, predeterminadas nos contratos, sempre que:
- Se trate de institucións de investimento colectivo adaptadas á Lei de institucións de investimento colectivo (Lei 35/2003).
- Se trate de institucións de investimento colectivo amparadas pola Directiva 2009/65/CE.
B) CONXUNTO DE ACTIVOS reflectidos de forma separada no balance da entidade aseguradora, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
- A determinación dos activos integrantes de cada un dos distintos conxuntos de activos separados deberá corresponder, en todo momento, á entidade aseguradora.
- O investimento das provisións deberá efectuarse nos activos aptos para o investimento das provisións técnicas, recollidos no artigo 50 do Regulamento de ordenación e supervisión dos seguros privados, aprobado polo Real decreto 2486/1998, do 20 de novembro, con excepción dos bens inmobles e dereitos reais inmobiliarios.
- Os investimentos de cada conxunto de activos deberán cumprir os límites de diversificación e dispersión establecidos, con carácter xeral, para os contratos de seguro.
Non obstante, entenderase que cumpren tales requisitos aqueles conxuntos de activos que traten de desenvolver unha política de investimento caracterizada por reproducir un determinado índice bolsista ou de renda fixa representativo dalgún dos mercados secundarios oficiais da Unión Europea (art. 16 da Lei 6/2000).
- O tomador unicamente terá a facultade de elixir, entre os distintos conxuntos separados de activos, en cales debe investir a entidade aseguradora a provisión matemática do seguro, pero en ningún caso poderá intervir na determinación dos activos concretos nos que, dentro de cada conxunto separado, se invisten tales provisións.