FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DERIVADOS DE INMOBLES > RENDEMENTOS DE CAPITAL INMOBILIARIO

CONCEPTO E INDIVIDUALIZACIÓN E ATRIBUCIÓN DE RENDAS

 

CONCEPTO (art. 22 da lei)

Terán a consideración de rendementos do capital inmobiliario a totalidade das utilidades ou contraprestacións, calquera que sexa a súa denominación ou natureza, en diñeiro ou en especie, que proveñan, directa ou indirectamente, de bens inmobles, tanto rústicos coma urbanos, cuxa titularidade corresponda ao contribuínte e non se encontren afectos a actividades económicas realizadas por este.

Non obstante, as rendas derivadas da transmisión da titularidade de bens inmobles tributarán como ganancias ou perdas patrimoniais.

Só se inclúen nesta epígrafe os rendementos que se deriven do arrendamento de bens inmobles rústicos e urbanos ou da constitución ou cesión de dereitos ou facultades de uso ou aproveitamento sobre estes, calquera que sexa a súa denominación ou natureza.

Os inmobles urbanos á disposición dos seus propietarios que non estean arrendados nin se cedese o seu uso incluiranse na epígrafe "Inmobles urbanos á disposición dos seus titulares (propietarios ou usufrutuarios)".

 

INDIVIDUALIZACIÓN E ATRIBUCIÓN DE RENDAS

Os rendementos do capital atribuiranse aos contribuíntes que, segundo o previsto no artigo 7 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, sexan titulares dos elementos patrimoniais, bens ou dereitos, de que proveñan os ditos rendementos (art. 11.3 da lei).

As rendas correspondentes ás sociedades civís, teñan ou non personalidade xurídica, herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58 /2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, atribuiranse aos socios, herdeiros, comuneiros ou partícipes, respectivamente, segundo as normas ou pactos aplicables en cada caso e, se estes non lle constasen á Administración tributaria en forma fidedigna, atribuiranse por partes iguais (art. 89.3 da lei). As rendas correspondentes a estas entidades non se deberán declarar na páxina 4 da declaración senón na epígrafe F da páxina 8.