COMPROMISOS POR PENSIÓNS COS TRABALLADORES (DA primeira do Real decreto lexislativo 1/2002)

 

Os compromisos por pensións asumidos polas empresas, incluíndo as prestacións causadas, deberán instrumentarse, desde o momento en que se inicie a xeración do seu custo, mediante contratos de seguro, incluídos os plans de previsión social empresarial a través da formalización dun plan de pensións ou varios destes instrumentos. Unha vez instrumentados, a obriga e responsabilidade das empresas polos referidos compromisos por pensións circunscribiranse exclusivamente ás asumidas nos ditos contratos de seguro e plans de pensións.

 

Para estes efectos, entenderanse compromisos por pensións os derivados de obrigas legais ou contractuais do empresario co persoal da empresa e vinculados ás continxencias establecidas no artigo 8.6 do Real decreto lexislativo 1/2002. Tales pensións poderán revestir as formas establecidas no artigo 8.5 dese mesmo texto refundido e comprenderán toda prestación que se destine á cobertura de tales compromisos, calquera que sexa a súa denominación.

 

Teñen a consideración de empresas non só as persoas físicas e xurídicas senón tamén as comunidades de bens e demais entidades que, aínda carentes de personalidade xurídica, sexan susceptibles de asumir cos seus traballadores os compromisos descritos.

 

Para que os contratos de seguro poidan servir á finalidade referida no parágrafo primeiro deberán satisfacer os seguintes requisitos:

 

-   Revestir a forma de seguros colectivos sobre a vida ou plan de previsión social empresarial, nos que a condición de asegurado corresponderá ao traballador e a de beneficiario ás persoas en cuxo favor se xeren as pensións segundo os compromisos asumidos.

 

-   Nos ditos contratos non será de aplicación o disposto nos artigos 97 e 99 da Lei de contrato de seguro.

 

-   Os dereitos de rescate e de redución do tomador só se poderán exercer co obxecto de manter na póliza a adecuada cobertura dos seus compromisos por pensións vixentes en cada momento ou para os exclusivos efectos da integración dos compromisos cubertos na dita póliza noutro contrato de seguro, nun plan de previsión social empresarial ou nun plan de pensións. Neste último caso, a nova aseguradora ou o plan de pensións asumirá a cobertura total dos referidos compromisos por pensións.

 

-   Deberán individualizarse os investimentos correspondentes a cada póliza nos termos que se establezan regulamentariamente.

 

-   A contía do dereito de rescate non poderá ser inferior ao valor de realización dos activos que representen o investimento das provisións técnicas correspondentes. Se existise déficit na cobertura das ditas provisións, tal déficit non será repercutible no dereito de rescate, salvo nos casos que regulamentariamente se determinen. O importe do rescate deberá ser aboado directamente á nova aseguradora ou ao fondo de pensións no que se integre o novo plan de pensións.

 

Será admisible que o pagamento do valor do rescate se realice mediante o traspaso dos activos, neto dos gastos precisos para efectuar os correspondentes cambios de titularidade.

 

Nos contratos de seguro cuxas primas fosen imputadas aos suxeitos aos que se vinculen os compromisos por pensións deberán preverse, de acordo coas condicións pactadas no compromiso, os dereitos económicos dos suxeitos nos casos en que se produza a cesación da relación laboral previa ao acaecemento das continxencias previstas nesta normativa ou se modifique o compromiso por pensións vinculado aos ditos suxeitos.

 

Regulamentariamente fixaranse as condicións que han de cumprir os contratos de seguro aos que se refire esta disposición, incluídos os instrumentados entre as mutualidades de previsión social e os seus mutualistas na súa condición de tomadores do seguro ou asegurados. En todo caso, as condicións que se establezan regulamentariamente deberán ser homoxéneas, actuarial e financeiramente coas normas aplicables aos compromisos por pensións formalizados mediante plans de pensións.

 

A efectividade dos compromisos por pensións e do cobramento das prestacións causadas quedarán condicionados á súa formalización nos instrumentos referidos no parágrafo primeiro. En todo caso, o incumprimento pola empresa da obriga de instrumentar os compromisos por pensións asumidos constituirá infracción en materia laboral de carácter moi grave, nos termos previdos no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, sobre infraccións e sancións de orde social.

 

En ningún caso resultará admisible a cobertura de tales compromisos mediante a dotación polo empresario de fondos internos, ou instrumentos similares, que supoñan o mantemento por parte deste da titularidade dos recursos constituídos.