CÁLCULO DA MINORACIÓN POR INCENTIVOS AO EMPREGO
Para practicar a minoración por incentivos ao emprego, cuxo importe calcula o programa, procédese da seguinte forma:
1) Coeficiente por incremento do número de persoas asalariadas
Se no ano que se liquida tivese lugar un incremento do número de persoas asalariadas, por comparación ao ano inmediato anterior, calcularase, en primeiro lugar, a diferenza entre o número de unidades do módulo "persoal asalariado" correspondentes ao ano e o número de unidades dese mesmo módulo correspondentes ao ano inmediato anterior.
Para estes efectos, teranse en conta exclusivamente as persoas asalariadas que se computasen para determinar o número de unidades deste módulo.
Se no ano anterior non se estivese acollido ao réxime de estimación obxectiva, tomarase como número de unidades correspondentes ao dito ano o que se debese tomar, de acordo coas normas do réxime de estimación obxectiva.
Se a diferenza resultase positiva, a esta aplicaráselle o coeficiente 0,40. O resultado é o coeficiente por incremento do número de persoas asalariadas.
Se a diferenza resultase positiva e, polo tanto, procedese a aplicación do coeficiente 0,40, á dita diferenza non se lle aplicará a táboa de coeficientes por tramos que se sinala a continuación.
2) Coeficiente por tramos do número de unidades
Ademais, a cada un dos tramos do número de unidades do módulo que a continuación se indica aplicaránselle os coeficientes que se expresan na seguinte táboa:
Tramo Coeficiente
Ata 1,00 0,10
Entre 1,01 e 3,00 0,15
Entre 3,01 e 5,00 0,20
Entre 5,01 e 8,00 0,25
Máis de 8,00 0,30
3) Cuantificación da minoración por incentivos ao emprego
Para cuantificar a minoración por incentivos ao emprego, procédese da seguinte forma:
Súmase o coeficiente por incremento do número de persoas asalariadas, se procede, e o da táboa anterior; así obtense o coeficiente de minoración.
Este coeficiente de minoración multiplícase polo "Rendemento anual por unidade antes de amortización" correspondente ao módulo "persoal asalariado".
A cantidade resultante minórase do rendemento neto previo.