Coa axuda dunha ventá de selección deberá indicarse o grupo ou a epígrafe da actividade que se desenvolve.
Considérase unha soa actividade cada unha das reflectidas de maneira independente no menú de selección de actividades económicas en estimación obxectiva, sen que sexa relevante o número de locais nos que se realice (art. 38 do regulamento).
Por exemplo, se nun local se realiza a actividade da epígrafe 672.1 do IAE (cafetería de tres cuncas) e nun segundo local a do 672.3 (cafetería de dúas cuncas), para os efectos da estimación obxectiva por módulos, é unha única actividade.
Polo contrario, se nun único local se exerce unha actividade da epígrafe 642.1 (comercio polo miúdo de carne) e outra da epígrafe 643.1 (comercio polo miúdo de peixes), trataríase de dúas actividades.
A determinación das operacións económicas incluídas en cada actividade deberá efectuarse de acordo coas normas do imposto sobre actividades económicas.
Así mesmo, comprenderanse en cada actividade as operacións económicas que se inclúen expresamente na Orde HAP/2368/2013, do 26 de novembro, sempre que se desenvolvan con carácter accesorio á actividade principal.
Considérase accesoria á actividade principal aquela cuxo volume de ingresos non supere o 40 por 100 do volume correspondente á actividade principal.
Nota: se se exerce a actividade a través dunha entidade en réxime de atribución de rendas como son as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens, herdanzas xacentes etc.) ou as sociedades civís, teñan ou non personalidade xurídica, non debe cubrir esta epígrafe, senón que deberá consignar o rendemento neto atribuído na epígrafe "Réximes especiais: réxime de atribución de rendas" (epígrafe F da páxina 8 da declaración).