A base impoñible xeral será o resultado de sumar os seguintes saldos:
A. O saldo resultante de integrar e compensar entre si, sen limitación ningunha, en cada período impositivo, os rendementos e as imputacións de renda seguintes:
Rendementos (saldo positivo ou negativo)
- Rendementos do traballo
- Rendementos do capital inmobiliario
- Rendementos do capital mobiliario do art. 25.4 da lei
- Rendementos do capital mobiliario procedentes de entidades vinculadas
- Rendementos de actividades económicas
Imputacións de renda (saldo positivo ou negativo)
- Rendas inmobiliarias imputadas
- Réxime de transparencia fiscal internacional
- Cesión de dereitos de imaxe
- Institucións de investimento colectivo constituídas en paraísos fiscais
- Imputacións de agrupacións de interese económico e unións temporais de empresas
B. O saldo positivo resultante de integrar e compensar, exclusivamente entre si, en cada período impositivo, as ganancias e perdas patrimoniais que non deriven da transmisión de elementos patrimoniais e das ganancias e perdas patrimoniais derivadas da transmisión de elementos patrimoniais adquiridos cun ano ou menos de antelación á data da transmisión.
Estas ganancias e perdas intégranse e compénsanse exclusivamente entre si. Se o resultado da compensación é positivo, o saldo intégrase na base impoñible xeral.
Non obstante, se o resultado da compensación reflicte saldo negativo, o seu importe compensarase co saldo positivo dos "rendementos e imputacións de renda" da epígrafe A) anterior, co límite do 25 por 100 do dito saldo positivo.
Se tras a dita compensación quedase saldo negativo, o seu importe compensarase nos catro anos seguintes na mesma orde establecida nos parágrafos anteriores. En ningún caso se efectuará esta compensación fóra do prazo de catro anos, mediante a acumulación con perdas patrimoniais de exercicios posteriores.