FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > BASE IMPOÑIBLE XERAL E BASE IMPOÑIBLE DO AFORRO

BASE IMPOÑIBLE DO AFORRO (art. 49 da lei)

 

A base impoñible do aforro está constituída polos seguintes compoñentes:

 

A)  SALDO POSITIVO DE RENDEMENTOS DO CAPITAL MOBILIARIO DERIVADOS DE (art. 25.1, 2 e 3):

 

-   Participación nos fondos propios de entidades

-   Cesión a terceiros de capitais propios (salvo que procedan de entidades vinculadas co contribuínte)

-   Operacións de capitalización

-   Contratos de seguro de vida ou invalidez

-   Rendas que teñan por causa a imposición de capitais

 

Se o resultado da integración e compensación reflectise saldo negativo, o seu importe só se poderá compensar co positivo que se poña de manifesto durante os catro anos seguintes, diferenciando os valores negativos de débeda subordinada e de participacións preferentes dos do resto de rendementos.

 

 

B)  SALDO POSITIVO DE GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS DERIVADAS DA TRANSMISIÓN DE ELEMENTOS PATRIMONIAIS

 

Inclúese neste grupo o saldo positivo das ganancias e perdas patrimoniais que se poñan de manifesto con ocasión de transmisións de elementos patrimoniais ou de melloras realizadas nestes, sempre e cando entre as datas de adquisición e transmisión transcurrese máis dun ano.

.

 

Estas ganancias e perdas intégranse e compénsanse exclusivamente entre si en cada período impositivo. Se o resultado da compensación é positivo, o saldo intégrase na base impoñible do aforro. Non obstante, se o resultado da compensación reflicte saldo negativo, o seu importe só se poderá compensar co saldo positivo das ganancias e perdas patrimoniais que, correspondentes a esta mesma epígrafe, se poñan de manifesto durante os catro anos seguintes, diferenciando as ganancias e perdas patrimoniais derivadas  de débeda subordinada e de participacións preferentes das do resto.

 

 

A compensación deberá efectuarse na contía máxima que permita cada un dos exercicios seguintes e sen que se poida practicar fóra do prazo a que se refire o parágrafo anterior mediante a acumulación a perdas patrimoniais de exercicios posteriores.