ASIGNACIÓNS PARA GASTOS DE MANUTENCIÓN E ESTANCIA (art. 9.a.3 do regulamento)

 

Exceptúanse de gravame as cantidades destinadas pola empresa a compensar os gastos normais de manutención e estancia en restaurantes, hoteis e demais establecementos de hostalería, xeradas por gastos en municipio distinto do lugar do traballo habitual do perceptor e do que constitúa a súa residencia.

 

Cando se trate de desprazamento e permanencia por un período continuado superior a nove meses, non se exceptuarán de gravame as ditas asignacións. Para estes efectos, non se descontará o tempo de vacacións, enfermidade ou outras circunstancias que non impliquen alteración do destino.

 

Para os efectos indicados nesta rúbrica, o pagador deberá acreditar o día e lugar do desprazamento, así como a súa razón ou motivo.

 

Consideraranse como asignacións para gastos normais de manutención e estancia en hoteis, restaurantes e demais establecementos de hostalería, exclusivamente as seguintes:

 

1-   Cando se pasase a noite en municipio distinto do lugar de traballo habitual e do que constitúa a residencia do perceptor:

 

-   Por gastos de estancia: os importes que se xustifiquen. No caso de condutores de vehículos dedicados ao transporte de mercadorías por estrada, non precisarán xustificación en canto ao seu importe os gastos de estancia que non excedan de 15 euros diarios, se se producen por desprazamento dentro do territorio español, ou de 25 euros diarios, se corresponden a desprazamentos a territorio estranxeiro.

 

-     Por gastos de manutención:

 

a)   Desprazamento dentro do territorio español: 53,34 euros diarios como máximo.

 

b)   Desprazamento a territorio estranxeiro: 91,35 euros diarios como máximo.

 

2-   Cando non se pasase a noite en municipio distinto do lugar de traballo habitual e do que constitúa a residencia do perceptor, as seguintes cantidades en concepto de asignacións para gastos de manutención:

 

a)   Desprazamento dentro do territorio español: 26,67 euros diarios como máximo.

 

b)   Desprazamento a territorio estranxeiro: 48,08 euros diarios como máximo.