Artigo 49. Fondos de investimento cotizados e SICAV índice cotizadas (RD 1309/2005, do 4 de novembro)
1. Son fondos de investimento cotizados aqueles cuxas participacións estean admitidas a negociación en bolsa de valores.
2. Son requisitos para a admisión a negociación en bolsa de valores das participacións dun fondo de investimento os seguintes:
a) Obter a autorización da CNMV, de acordo co procedemento establecido no artigo 10 da lei. Cando se produza a baixa do fondo no rexistro correspondente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, quedará sen efecto a admisión a negociación en bolsa das súas participacións.
b) Cumprir as regras especiais do artigo 52.1. Non resultará esixible, no momento da súa admisión a cotización, que o número mínimo de partícipes sexa o establecido no artigo 3. A constitución dos fondos ante notario e a súa inscrición no rexistro mercantil será potestativa.
c) Que o obxectivo da política de investimento sexa reproducir un índice que cumpra as condicións previstas no artigo 38.2.d), así como calquera outro subxacente que a Comisión Nacional do Mercado de Valores autorice expresamente.
d) A SGIIC determinará a composición da cesta de valores e/ou a cantidade de efectivo susceptibles de ser intercambiados por participacións. As operacións de subscrición e reembolso deberán efectuarse nos valores integrantes do patrimonio ou na cantidade necesaria de efectivo, de acordo co requirido pola sociedade xestora. A este respecto, a SGIIC poderá limitar no folleto informativo a operativa de subscricións e reembolsos unicamente a entidades, das habilitadas de acordo cos artigos 64 e 65 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, para poder prestar servizos de investimento , coas que subscribise un contrato para o efecto.
e) Para os efectos de facilitar o aliñamento do valor de cotización co valor liquidativo estimado en diferentes momentos da contratación, deberán existir entidades que asuman o compromiso de ofrecer en firme posicións compradoras ou vendedoras de participacións cun diferencial máximo de prezos. Tales entidades deberán pertencer ás categorías sinaladas na alínea d).
O folleto informativo do fondo recollerá as condicións e límites do compromiso asumido polas ditas entidades e do intervalo máximo das cotizacións que ofrecerán.
f) Deberá realizarse unha difusión adecuada a través da sociedade rectora da bolsa en que cotice de:
1. A carteira do fondo.
2. A composición da cesta de valores e/ou a cantidade de efectivo susceptibles de ser intercambiados por participacións.
3. O valor liquidativo estimado en diferentes momentos da contratación.
g) Os demais requisitos que poida establecer a CNMV.
3. Non resultará de aplicación aos fondos de investimento cotizados o procedemento de traspaso de participacións previsto no artigo 28 da lei.
4. Cando a SGIIC admita que as operacións de subscrición ou reembolso se liquiden en efectivo, deberá establecer mecanismos para lles repercutir, aos investidores que subscriban ou reembolsen, os desaxustes que se poidan producir na reprodución do índice como consecuencia de tales operacións.
5. Estes fondos non estarán suxeitos ao previsto no artigo 40.
6. A adquisición en bolsa de valores de participacións de fondos de investimento cotizados estará exenta da obriga de entrega gratuíta do folleto simplificado e do último informe semestral. En calquera caso, logo de solicitude, deberase entregar o folleto completo e os últimos informes anual e trimestral publicados.
7. Nos documentos informativos da institución nos que aparezan datos sobre o valor liquidativo das participacións, tamén deberán aparecer os datos correspondentes baseados na cotización de mercado.
Así mesmo, a CNMV poderá determinar o detalle co que se debe informar en relación coa prima ou desconto da cotización respecto do valor liquidativo e das diferenzas de rendibilidade que se produzan entre o índice de referencia e o fondo de investimento. En todas as publicacións da institución deberá facerse constar de forma ben visible que o fondo cotiza en bolsa e que a súa política de investimento é reproducir un determinado índice.
8. Son SICAV índice cotizadas aquelas sociedades de investimento colectivo de capital variable que cumpran o disposto nos parágrafos anteriores coas seguintes especialidades:
a) Non resultará esixible, no momento da súa admisión a cotización, que o número mínimo de accionistas sexa o establecido no artigo 6 deste regulamento.
b) Non lles serán de aplicación as alíneas 3 a 6 do artigo 52 nin os artigos 53 e 54 deste regulamento.
c) Cando a SICAV índice sexa autoxestionada, todas as referencias que se fan neste artigo á SGIIC entenderase que se lle fan ao Consello de Administración da SICAV.
d) Non lles será de aplicación ás accións representativas do seu capital social o procedemento de traspaso de accións previsto no artigo 28 da lei.