ARRENDAMENTO CON OPCIÓN DE COMPRA

 

A) ARRENDAMENTO FINANCEIRO DO ARTIGO 115 LIS

 

Cando se trate de contratos de arrendamento financeiro definidos na alínea 1 da disposición adicional sétima da Lei 26/1988, do 29 de xullo (BOE do 30 de xullo), que cumpran os requisitos previstos no artigo 115 da Lei do imposto sobre sociedades, as cotas satisfeitas gozan do seguinte tratamento fiscal:

 

a)   A carga financeira satisfeita á entidade arrendadora considérase en todo caso como gasto deducible.

 

b)   Respecto da parte das cotas que corresponda á recuperación do custo do ben, hai que diferenciar:

 

•    Terreos e demais activos non amortizables: non constitúe gasto deducible.

 

•    Activos amortizables: considérase gasto fiscalmente deducible co límite do duplo (o triplo para as empresas de reducida dimensión) do coeficiente de amortización lineal segundo táboas de amortización oficialmente aprobadas. O exceso será deducible nos períodos impositivos sucesivos, respectando igual límite.

 

 

B) CESIÓN DE USO DE ACTIVOS CON OPCIÓN DE COMPRA OU RENOVACIÓN (art. 11.3 da Lei do imposto sobre sociedades)

 

No caso de cesión de uso de activos con opción de compra ou renovación, sempre que o importe que hai que pagar polo exercicio da opción sexa inferior ao importe resultante de minorar o valor do activo na suma das cotas de amortización máxima que corresponderían dentro do tempo máximo da duración da cesión, considerarase como arrendamento financeiro no sentido da norma 8ª do Plan xeral de contabilidade. Neste caso, será deducible para o cesionario un importe equivalente ás cotas de amortización que, de acordo coas normas do imposto sobre sociedades, incluídas as relativas á liberdade de amortización, corresponderían aos bens cedidos.

 

 

 

C) CONTRATOS DE ARRENDAMENTO FINANCEIRO ANTERIORES AO 01-01-1996 (DT sexta da Lei do imposto sobre sociedades)

 

Os contratos de arrendamento financeiro realizados con anterioridade á entrada en vigor da Lei 43/1995 (1 de xaneiro de 1996) que versen sobre bens entregados antes da dita data ou sobre bens inmobles cuxa entrega se realizase dentro dos dous anos posteriores rexeranse ata o seu total cumprimento polas normas establecidas na disposición adicional sétima da Lei 26/1988, do 29 de xullo (BOE do 30 de xullo).

 

De acordo coa dita disposición, terá a consideración de gasto deducible o importe total das cotas do arrendamento, excluído o valor residual polo que se exercite a opción de compra. Non obstante, se o contrato ten por obxecto elementos non amortizables, non será deducible a parte das cotas correspondente á recuperación do custo do ben para a entidade arrendadora.