AMPLIACIÓN DO PRAZO POR CIRCUNSTANCIAS EXCEPCIONAIS
Se, como consecuencia de concurso, o promotor non finalizase as obras de construción antes de transcorrer o prazo de catro anos ou non puidese efectuar a entrega das vivendas no mesmo prazo, este quedará ampliado noutros catro anos.
Nestes casos, o prazo de doce meses para habitar a vivenda de maneira efectiva e con carácter permanente comezará a contarse a partir da entrega.
Para que a ampliación prevista neste parágrafo produza efecto, o contribuínte que estea obrigado a presentar declaración polo imposto, no período impositivo en que se incumprise o prazo inicial, deberá acompañala tanto dos xustificantes que acrediten os seus investimentos en vivenda como de calquera documento xustificativo de se producir algunha das referidas situacións.
Nestes supostos, o contribuínte non estará obrigado a efectuar ningún ingreso por razón do incumprimento do prazo xeral de catro anos de finalización das obras de construción.
OUTRAS CIRCUNSTANCIAS EXCEPCIONAIS
Cando por outras circunstancias excepcionais non imputables ao contribuínte e que supoñan paralización das obras non se poidan estas finalizar antes de transcorrer o prazo de catro anos para finalizar a construción, o contribuínte poderá solicitar da Administración a ampliación do prazo.
A solicitude deberá presentarse na delegación ou administración da Axencia Estatal de Administración Tributaria correspondente ao seu domicilio fiscal durante os trinta días seguintes ao incumprimento do prazo.
Na solicitude deberán figurar tanto os motivos que provocaron o incumprimento do prazo como o período de tempo que se considera necesario para finalizar as obras de construción, o cal non poderá ser superior a catro anos.
Para os efectos do sinalado no parágrafo anterior, o contribuínte deberá achegar a xustificación correspondente.
Á vista da documentación achegada, o delegado ou administrador da Axencia Estatal de Administración Tributaria decidirá tanto sobre a procedencia da ampliación solicitada como con respecto ao prazo de ampliación, o cal non terá que axustarse necesariamente ao solicitado polo contribuínte.
Poderán entenderse desestimadas as solicitudes de ampliación que non fosen resoltas expresamente no prazo de tres meses.
A ampliación que se conceda comezará a contarse a partir do día inmediato seguinte a aquel en que se produza o incumprimento.