AMORTIZACIÓNS: DOTACIÓNS DO EXERCICIO FISCALMENTE DEDUCIBLES (art. 11 da Lei do imposto sobre sociedades)
Constitúen gasto deducible as cantidades contabilizadas que, en concepto de amortización do inmobilizado material, intanxible e dos investimentos inmobiliarios correspondan á depreciación efectiva que sufran os distintos elementos por funcionamento, uso, aproveitamento ou obsolescencia.
Considérase que a depreciación é efectiva cando sexa o resultado de aplicar algún dos métodos previstos no artigo 11.1 da Lei do imposto sobre sociedades, que en resumo son os seguintes:
a) Amortización lineal segundo táboas de amortización oficialmente aprobadas (incluídas no anexo do Real decreto 1777/2004, do 30 de xullo –BOE do 6 de agosto de 2004–).
b) Porcentaxe constante sobre o valor pendente de amortización.
c) Método dos números díxitos.
d) Plan formulado polo contribuínte e aceptado pola Administración.
e) Xustificación do importe por parte do contribuínte.
Os elementos do inmobilizado material e investimentos inmobiliarios empezarán a amortizarse desde a súa posta en condicións de funcionamento e os do inmobilizado intanxible desde o momento en que estean en condicións de producir ingresos.
Os elementos patrimoniais do inmobilizado material e investimentos inmobiliarios deberán amortizarse dentro do seu período de vida útil, entendéndose por tal o período en que, segundo o método de amortización adoptado, deba quedar totalmente cuberto o seu valor, excluído o valor residual.
Tratándose de elementos patrimoniais do inmobilizado intanxible, a súa vida útil será o período durante o cal se espera, razoablemente, que produzan ingresos.
Réximes especiais
- Empresas de reducida dimensión
- Arrendamento con opción de compra
ADQUISICIÓN DE ACTIVOS ENTRE O 1 DE XANEIRO DE 2003 E O 31 DE DECEMBRO DE 2004
Para as adquisicións de activos novos realizadas entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 31 de decembro de 2004, os coeficientes de amortización lineais máximos establecidos nas táboas oficiais de coeficientes de amortización entenderanse substituídos, en todas as mencións a eles realizadas, polo resultado de multiplicar aqueles por 1,1. O novo coeficiente será aplicable durante a vida útil dos activos novos adquiridos no período antes mencionado.
Limitación á deducibilidade dos gastos por amortización aplicable nos exercicios 2013 e 2014
Ámbito obxectivo
Establécese unha limitación á deducibilidade da amortización contable do inmobilizado material, intanxible e dos investimentos inmobiliarios correspondente aos períodos impositivos que se inicien dentro dos anos 2013 e 2014.
Como excepción, a limitación non resulta aplicable aos elementos patrimoniais que fosen obxecto dun procedemento específico de comunicación ou de autorización, por parte da Administración tributaria, en relación coa súa amortización.
Ámbito subxectivo
Seralles aplicable aos contribuíntes que non cumpran os requisitos para seren considerados de empresas de reducida dimensión, é dicir, a aqueles cuxo importe neto da cifra de negocios no período impositivo anterior fose igual ou superior a 10 millóns de euros.
A limitación resulta igualmente aplicable aos contribuíntes que estean aplicando os incentivos das empresas de reducida dimensión por superaren o importe da cifra de negocios previsto nalgún dos tres períodos impositivos anteriores.
Limitación á deducibilidade
A limitación consiste en que só poderá deducirse como gasto ata o 70 por 100 do importe que resultase fiscalmente deducible por aplicación dos sistemas xerais de amortización ou o previsto para elementos do inmobilizado intanxible con vida útil definida.