A disposición transitoria cuarta da Lei 19/1994, do 6 de xullo (BOE do 7), prevé que, no suposto de supresión do réxime xeral de dedución por investimentos, a súa aplicación futura nas Illas Canarias, mentres non se estableza un sistema substitutorio equivalente, continuará realizándose conforme a normativa vixente no momento da supresión.
Por iso, en Canarias mantense a dedución por investimentos en activos fixos, que desapareceu no resto do territorio, segundo a súa última regulación, establecida na disposición adicional duodécima da Lei do imposto sobre sociedades.
Activos fixos novos
Poderá deducirse da cota íntegra o 25 por 100 do importe dos investimentos en elementos novos do inmobilizado material, excluídos os terreos, afectos ao desenvolvemento da explotación económica, que se puxesen á disposición no ano 2014.
Activos fixos usados
Os investimentos poderán realizarse igualmente en elementos de activo fixo usados, que non gozasen anteriormente da dedución por investimentos no resto do territorio nacional, cando supoñan unha evidente mellora tecnolóxica para a empresa, na forma e cos requisitos establecidos no Real decreto 241/1992, do 13 de marzo (BOE do 14 de marzo).
Base da dedución
A base da dedución será o prezo de adquisición ou custo de produción.
Mantemento do investimento
Será requisito para beneficiarse desta dedución que os elementos permanezan en funcionamento na empresa durante cinco anos, a non ser que a súa vida útil conforme o método de amortización, dos admitidos fiscalmente, que se aplique, fose inferior.
Arrendamento financeiro
Poderanse acoller a esta dedución os investimentos realizados en réxime de arrendamento financeiro, a excepción dos edificios.
Límite máximo da dedución
O importe desta dedución do réxime especial para investimentos en Canarias aplicada no período impositivo non poderá exceder do 50 por 100 da cota que resulte de minorar a suma das cotas íntegras estatal e autonómica ou complementaria (recadros 545 e 546) no importe total das deducións por investimento en vivenda habitual (recadros 547 e 548) e por investimentos e gastos en bens de interese cultural (recadros 550 e 551) e dedución por investimento en empresas de nova ou recente creación (recadro 549).
Este límite, que se aplica con independencia dos que correspondan polos investimentos acollidos ao réxime xeral e polas demais deducións do réxime especial para investimentos en Canarias, é calculado e aplicado polo programa.