FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO A1 - A2 - A3 - A4 DEDUCIÓNS XERAIS DA COTA > DEDUCIÓN POR INVESTIMENTO EN VIVENDA HABITUAL (RÉXIME TRANSITORIO)

ADQUISICIÓN OU REHABILITACIÓN DA VIVENDA HABITUAL (DT DÉCIMO OITAVA DA LEI DO IRPF E DT DÉCIMO SEGUNDA DO REGULAMENTO)

 

IMPORTANTE: a dedución que a continuación se expón non é aplicable cando a adquisición, construción ou as cantidades satisfeitas por obras de rehabilitación ou ampliación da vivenda habitual, ou para a realización de obras e instalacións de adecuación da vivenda habitual de persoas con discapacidade se iniciasen a partir do 1 de xeneiro de 2013.

 

Con carácter xeral, as persoas contribuíntes poderán aplicar a dedución por investimento en vivenda (parte estatal e tramo autonómico ou complementario, respectivamente) polas cantidades satisfeitas no período de que se trate pola adquisición ou rehabilitación da vivenda que constitúa ou vaia constituír a residencia habitual do contribuínte.

 

 

PORCENTAXES DE DEDUCIÓN

 

A porcentaxe de dedución aplicable á base de dedución será, en todo caso, do 7,50 por 100 en tramo estatal e da porcentaxe establecida na respectiva comunidade autónoma e, no seu lugar, o 7,50 por 100 no tramo autonómico.

 

Estas porcentaxes aplícanse tanto ás cantidades satisfeitas no exercicio para amortizar o préstamo solicitado coma ao importe satisfeito, se é o caso, ao contado polo comprador.

A Comunidade Autónoma de Cataluña estableceu porcentaxes especiais para o tramo autonómico da dedución.

Comunidade Autónoma de Cataluña

 

 

BASE MÁXIMA DA DEDUCIÓN

 

A base máxima será de 9.040 euros anuais.

 

A base desta dedución estará constituída polas cantidades satisfeitas para a adquisición ou rehabilitación da vivenda, incluídos os gastos orixinados que corresen a cargo do adquirente e, no caso de financiamento alleo, a amortización, os xuros, o custo dos instrumentos de cobertura do risco de tipo de xuro variable dos préstamos hipotecarios regulados no artigo décimo noveno da Lei 36/2003, do 11 de novembro, de medidas de reforma económica, e demais gastos derivados desta. No caso de aplicación dos citados instrumentos de cobertura, os xuros satisfeitos polo contribuínte minoraranse nas cantidades obtidas pola aplicación do citado instrumento (art. 69.1.1 da lei).

 

A base máxima de dedución será única para todas as cantidades investidas na vivenda habitual (adquisición, rehabilitación, construción, ampliación ou conta vivenda), con excepción das destinadas a obras e instalacións de adecuación na vivenda habitual por razón de discapacidade, para as que existe unha base de dedución independente, sendo ambas as deducións compatibles entre si.

 

 

SUPOSTOS DE NULIDADE, DIVORCIO OU SEPARACIÓN XUDICIAL

 

O contribuínte poderá seguir practicando a dedución, nos supostos de nulidade matrimonial, divorcio ou separación xudicial, polas cantidades satisfeitas no período impositivo para a adquisición da que foi durante a vixencia do matrimonio a súa vivenda habitual, sempre que continúe tendo esta condición para os fillos comúns e o proxenitor en cuxa compañía queden. Tamén se poderá practicar a dedución polas cantidades satisfeitas, se é o caso, para a adquisición da vivenda que constitúa ou vaia constituír a súa vivenda habitual, neste caso a base de dedución será conxunta para as dúas vivendas (9.040 euros anuais).

 

 

INVESTIMENTOS E GASTOS QUE NON XERAN DEREITO Á DEDUCIÓN

 

Non forman parte da base da dedución:

 

a)   Os gastos de conservación ou reparación. Para estes efectos terán esta consideración:

 

•    Os efectuados regularmente coa finalidade de manter o uso normal dos bens materiais, como pintar, revestir ou arranxar as instalacións.

 

•    Os de substitución de elementos, como instalacións de calefacción, ascensor, portas de seguridade ou outros.

 

b)   As melloras.

 

c)   A adquisición de prazas de garaxe, xardíns, parques, piscinas e instalacións deportivas e, en xeral, os anexos ou calquera outro elemento que non constitúa a vivenda propiamente dita, sempre que se adquiran independentemente desta.

Asimílanse a vivendas as prazas de garaxe adquiridas con estas, co máximo de dúas.

 

 

OUTRAS VIVENDAS HABITUAIS ANTERIORES

 

Cando se adquira unha vivenda habitual e se gozase da dedución por adquisición doutras vivendas habituais anteriores, non se poderá practicar dedución pola adquisición ou rehabilitación da nova en tanto as cantidades investidas nesta non superen as investidas nas anteriores, na medida en que fosen obxecto de dedución.

 

 

GANANCIA PATRIMONIAL EXENTA POR REINVESTIMENTO

 

Cando o alleamento dunha vivenda habitual xerase unha ganancia patrimonial exenta por reinvestimento, a base de dedución pola adquisición ou rehabilitación da nova minorarase no importe da ganancia patrimonial á que se lle aplique a exención por reinvestimento.

 

Neste caso, non se poderá practicar dedución pola adquisición da nova mentres as cantidades investidas nesta non superen tanto o prezo da anterior, na medida en que fose obxecto de dedución, coma a ganancia patrimonial exenta por reinvestimento.

 

 

COMPROBACIÓN DA SITUACIÓN PATRIMONIAL

 

A aplicación da dedución por investimento en vivenda requirirá que o importe comprobado do patrimonio do contribuínte ao finalizar o período da imposición exceda do valor que tivese a súa comprobación ao comezo deste, polo menos na contía dos investimentos realizados, sen computar os xuros e demais gastos de financiamento.

 

Para estes efectos, non se computarán os incrementos ou diminucións de valor experimentados durante o período impositivo polos elementos patrimoniais que ao final deste sigan formando parte do patrimonio do contribuínte.