ACTIVIDADES EMPRESARIAIS E PROFESIONAIS (art. 95.2 do regulamento)

 

ACTIVIDADES EMPRESARIAIS

 

Son rendementos de actividades empresariais, como regra xeral, os que derivan do exercicio das actividades incluídas na sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas.

 

En particular, teñen esta consideración os rendementos das actividades extractivas, de fabricación, comercio ou prestación de servizos, incluídas as de artesanía, agrícolas, forestais, gandeiras, pesqueiras, de construción e mineiras.

 

 

ACTIVIDADES PROFESIONAIS

 

A)  Actividades profesionais de carácter artístico ou deportivo.

 

Son rendementos de actividades artísticas e deportivas os que derivan do exercicio das actividades incluídas na sección terceira das tarifas do imposto sobre actividades económicas.

 

 

B)  Restantes actividades profesionais

 

Son tamén rendementos de actividades profesionais, como regra xeral, os que derivan do exercicio das actividades incluídas na sección segunda das tarifas do imposto sobre actividades económicas (incluso se son desenvolvidas por comunidades de bens e demais entidades en réxime de atribución de rendas, ás que a normativa do IAE obriga a matricularse na epígrafe correlativa ou análoga da sección primeira).

 

En particular, teñen esta consideración os rendementos derivados do exercicio de profesións liberais.

 

 

 

SUPOSTOS ESPECIAIS

 

1-   Autores e tradutores de obras

 

Como regra xeral, os rendementos derivados da elaboración de obras literarias, artísticas ou científicas, considéranse rendementos do traballo, sempre que se ceda o dereito á súa explotación e non supoña a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos, en cuxo caso se cualificarán como rendementos de actividades económicas.

 

Cando se cualifiquen como actividades económicas consideraranse rendementos profesionais os obtidos polos autores ou tradutores de obras provenientes da propiedade intelectual ou industrial.

 

Non obstante, se os autores ou tradutores editan directamente as súas obras, os seus rendementos comprenderanse entre os correspondentes ás actividades empresariais.

 

 

2-   Comisionistas

 

Son rendementos profesionais os obtidos polos comisionistas que se limitan a achegar ou aproximar as partes interesadas para a realización dun contrato.

 

Polo contrario, entenderase que non se limitan a realizar operacións propias de comisionistas cando, ademais da función descrita no parágrafo anterior, asuman o risco e ventura de tales operacións mercantís, en cuxo caso o rendemento se comprenderá entre os correspondentes ás actividades empresariais.

 

A remuneración obtida por comisionistas vinculados mediante relación laboral, común ou especial coa empresa á que representan, ten en todo caso o carácter de rendemento do traballo.

 

 

3-   Profesores

 

Son rendementos profesionais os obtidos polos profesores, calquera que sexa a natureza das ensinanzas, que exerzan a actividade, ben no seu domicilio, casas particulares ou en academia ou establecemento aberto, sen relación laboral ou estatutaria.

 

Non obstante, o ensino en academias ou establecementos propios ten a consideración de actividade empresarial.

 

As retribucións obtidas polos profesores baixo relación laboral ou estatutaria constitúen rendementos do traballo.