FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > BASE LIQUIDABLE XERAL E BASE LIQUIDABLE DO AFORRO

ACHEGAS A SISTEMAS DE PREVISIÓN SOCIAL CONSTITUÍDOS A FAVOR DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE (art. 53 e DA décima da lei)

 

As achegas realizadas a plans de pensións, mutualidades de previsión social, plans de previsión asegurados, plans de previsión social empresarial e seguros que cubran exclusivamente a situación de dependencia a favor de persoas cun grao de discapacidade física ou sensorial igual ou superior ao 65 por 100 (ou contribuíntes cuxa incapacidade fose declarada xudicialmente, aínda que non alcance o dito grao), psíquica igual ou superior ao 33 por 100 poderán ser obxecto de redución na base impoñible.

 

Poderán efectuar achegas tanto o propio discapacitado partícipe como as persoas que teñan con este unha relación de parentesco en liña directa ou colateral ata o terceiro grao inclusive, así como o cónxuxe ou aqueles que o tivesen ao seu cargo en réxime de tutela ou acollemento. Nestes últimos supostos, as persoas con discapacidade deberán ser designadas beneficiarias de maneira única e irrevogable para calquera continxencia. Non obstante, a continxencia de morte da persoa con discapacidade poderá xerar dereito a prestacións de viuvez, orfandade ou a favor dos que realizasen achegas a favor do discapacitado en proporción á achega destes.

 

As ditas achegas non estarán suxeitas ao imposto sobre sucesións e doazóns.

 

 

LÍMITE MÁXIMO DE REDUCIÓN

 

As achegas realizadas poderán ser obxecto de redución na base impoñible xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas cos seguintes límites máximos:

 

 

-   Achegas realizadas pola persoa con discapacidade

 

As achegas anuais realizadas polas persoas con discapacidade partícipes poderán reducir a base impoñible co límite de 24.250 euros anuais.

 

Cando existisen contribucións imputadas polo promotor ao réxime especial de discapacitados, no recadro correspondente aparecerán as imputadas ao contribuínte no exercicio 2014 e que o programa trasladará desde a ventá de rendementos de traballo cuberta na páxina 3.

 

 

-   Achegas realizadas por parentes ou titores do discapacitado

 

As achegas anuais máximas realizadas por persoas distintas do propio discapacitado partícipe a favor deste poderán reducir a base impoñible dos que as efectúen co límite de 10.000 euros anuais. Todo isto sen prexuízo das achegas que poidan realizar aos seus propios sistemas de previsión social, de acordo coas condicións e límites establecidos con carácter xeral.

 

 

LÍMITE CONXUNTO

 

O conxunto das reducións practicadas por todas as persoas que realicen achegas a favor dunha mesma persoa con discapacidade, incluídas as súas propias achegas, non poderá exceder de 24.250 euros anuais.

 

Para estes efectos, cando concorran varias achegas a favor da persoa con discapacidade, deberán ser obxecto de redución, en primeiro lugar, as achegas realizadas polo propio discapacitado e só se estas non alcanzasen o límite de 24.250 euros sinalado, poderán ser obxecto de redución as achegas realizadas por outras persoas ao seu favor na base impoñible destas, de forma proporcional, sen que en ningún caso o conxunto das reducións practicadas por todas as persoas que realizan achegas a favor dun mesmo discapacitado poida exceder de 24.250 euros.

 

 

SOLICITUDE DE REDUCIÓN NOS CINCO EXERCICIOS SEGUINTES

 

Os partícipes, mutualistas ou asegurados poderán solicitar que as cantidades achegadas, con inclusión, se é o caso, das contribucións do promotor que lles fosen imputadas, que non puidesen ser obxecto de redución na base impoñible por insuficiencia desta, o sexan nos cinco exercicios seguintes.

 

O programa trasladará as achegas e contribucións non aplicadas á epígrafe correspondente da páxina 13 da declaración.