FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS > REGRAS ESPECIAIS DE CÁLCULO

ACCIÓNS E PARTICIPACIÓNS DE INSTITUCIÓNS DE INVESTIMENTO COLECTIVO (art.37.1 c) da lei)

 

Da transmisión ou do reembolso a título oneroso de accións ou participacións representativas do capital ou patrimonio das institucións de investimento colectivo ás que se refire o artigo 94 desta lei, a ganancia ou perda patrimonial computarase pola diferenza entre o seu valor de adquisición e o valor de transmisión, determinado polo valor liquidativo aplicable na data en que a dita transmisión ou reembolso se produza ou, no seu lugar, polo último valor liquidativo publicado. Cando non existise valor liquidativo, tomarase o valor teórico resultante do balance correspondente ao último exercicio cerrado con anterioridade á data da xeración do imposto.

 

En supostos distintos do reembolso de participacións, o valor de transmisión así calculado non poderá ser inferior ao maior dos dous seguintes:

 

-   O prezo efectivamente pactado na transmisión.

-   O valor de cotización en mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, relativa aos mercados de instrumentos financeiros e, en particular, en sistemas organizados de negociación de valores autorizados conforme o previsto no artigo 31.4 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, na data da transmisión.

 

Para os efectos de determinar o valor de adquisición, resultará de aplicación, cando proceda, o disposto na Lei para a transmisión de valores admitidos a negociación nalgún dos mercados regulados de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello.

 

A pesar do disposto nos parágrafos anteriores, no caso de transmisións de participacións nos fondos de investimento cotizados aos que se refire o artigo 49 do regulamento da Lei 35/2003, do 4 de novembro, de institucións de investimento colectivo, aprobado polo Real decreto 1309/2005, do 4 de novembro, realizadas en bolsa de valores, o valor de transmisión determinarase conforme o previsto para a transmisión de valores admitidos a negociación.