A DINAMIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN
A. NECESIDADE DE FORMACIÓN (Xustificación)
a. Sociedade da innovación
No contexto actual no que nos atopamos, cunha sociedade e un mercado que están cambiando constantemente e cuns cambios tecnolóxicos que se suceden a un ritmo vertixinoso os docentes non podemos quedar estancados naquel xeito de entender a docencia que nos explicaran na escola de maxisterio, ou cando fixeramos o Curso de Adaptación Pedagóxica ou o que nos fomos facendo coa experiencia persoal de varios anos e a nosa iniciativa.
A formación é un proceso continuo, que un profesional non debe nunca deixar aparcado, porque é a nosa obriga ter as mellores ferramentas que estean ao noso alcance para dar as mellores oportunidades ao noso alumnado.
"A que non se che ocorre que dá igual que o teu médico especialista non estea á última no manexo dos aparatos, técnicas ou descubrimentos sobre enfermidades e as súas terapias...?
Ao longo destes anos como relator expoñendo a miña pequena experiencia coas novas tecnoloxías por centros diversos, téñome atopado con moitos compañeiros e compañeiras que se ‘resisten' a aceptar que o camiño xa está marcado, e que é a nosa obriga o formarnos como docentes competentes no uso das TICs.
E non é que un ordenador vai substituír a un mestre, pero o futuro é que un mestre cun ordenador vai substituír a un mestre sen el, porque xa é unha ferramenta máis do docente, como o é o encerado, o xiz e o libro de texto (que irán quedando máis ben en desuso...)."
Eses cambios tecnolóxicos e as necesidades da sociedade provocan un grao moi alto de competencia. Para poder ofrecer un ensino competitivo hai que estar neses cambios tecnolóxicos e nas necesidades.
"Ao mellor ti, que estás realizando este curso de Competencia TIC, non es ese exemplo de docente que se ‘resiste ao invasor', pero agora estamos falando de ser canle para chegar a aqueles que si o fan... de ser dinamizadores de actividades de formación; de ensinar a facer, non facerllo; de ser escaparate das posibilidades que as NNTT nos ofrecen."
Quen leva ao seu contexto estas prácticas está innovando, o seu labor destaca, porque os resultados que se obteñen son máis completos, máis acordes coas demandas da sociedade, fan que se consiga un avance.
b. Nativos dixitais vs. Inmigrantes dixitais
Se denominan "nativos dixitais" a aquelas persoas nacidas logo da implantación xeneralizada da tecnoloxía dixital (dependendo do país pode variar un pouco, pero para que nos sirva de referencia entre os anos 80 e 90).
Todos aqueles que naceron logo desa implantación e tiveron ao seu alcance no fogar, nas escolas e centros lúdicos esta tecnoloxía sendo nenos, poden ser considerados nativos dixitais.
O termo foi acuñado por Marc Prensky (http://www.marcprensky.com/), no seu libro Inmigrantes Dixitais (2001)
Os "inmigrantes dixitais" serían todos aqueles nacidos con anterioridade a estas datas, e que viviron todo o cambio cara a tecnoloxía dixital, tendo que se adaptar ás novas condicións, posibilidades, cambios sociais que se produciron...
E todo isto en que nos afecta a nós?
Pois en moito, porque o desenvolvemento dos nativos dixitais é moi distinto ao que tiveron os inmigrantes dixitais. Como características:
- Coñecen a linguaxe dende que nacen.
- Sempre foron usuarios da tecnoloxía dixital.
- Prefiren o gráfico ao textual.
- A lectura que fan é descontinua, a saltos (hipertexto), fronte a lineal (libro).
- Están "entrenados" para manexar as NNTT a unha velocidade moi superior.
- Valoran o traballo en rede.
Isto non quere dicir que non teñan outras carencias, ou que dominen todas as posibilidades das novas tecnoloxías, senón que non lle teñen medo a elas, que teñen unhas destrezas das que carecemos nós e que estamos na obriga de valoralo, porque a distancia entre o profesor e o alumno ha crecer se cadra moito máis.
"Algúns pensaredes que o convencemento sobre esta última reflexión destacada en negriña está máis que superado, pero volvo a experiencia como relator que me di que non, que temos moitos compañeiros que se empeñan en dicir que a culpa é da administración que non nos forma, que isto é un complot dos americanos e os xaponeses para lavar o noso cerebro, que moito ordenador pero que logo non saben... que sei eu.
Fóra a ironía, penso que isto é un proceso de transición moi complicado para ámbalas dúas partes: nativos e inmigrantes.
Pero é a nosa obriga profesional tratar de comprender as diferenzas e buscar as solucións, xa que non se trata só de que no ordenador parece máis bonito, máis divertido, máis interactivo... Estamos no tempo da innovación."
http://www.marcprensky.com/writing/Prensky-NATIVOS%20E%20INMIGRANTES%20DIGITALES%20(SEK).pdf
c. Competencias básicas
Unha posible definición de competencia básica podería ser «a capacidade de poñer en práctica de forma integrada, en contextos e situacións diversas, os coñecementos, as habilidades e as actitudes persoais adquiridas.
O concepto de competencia inclúe tanto os saberes como as habilidades e as actitudes e vai máis alá do saber e do saber facer, incluíndo o saber ser ou estar».
O currículo da educación primaria en Galicia. Xunta de Galicia (2008).
Na mesma publicación se enumeran como competencias básicas para o ensino primario, as que contempla o Decreto 130/2007, do 28 de xuño polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 9 de xullo de 2007):
1. Competencia en comunicación lingüística.
2. Competencia matemática.
3. Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.
4. Tratamento da información e competencia dixital.
5. Competencia social e cidadá.
6. Competencia cultural e artística.
7. Competencia para aprender a aprender.
8. Autonomía e iniciativa persoal.
"Non o vou facer eu. Pídovos que as leades outra vez con calma e reflexionedes en cal ou cales non atopades unha relación directa entre as TICs e a competencia en cuestión."
Se a sociedade ten cambiado, se os avances tecnolóxicos son outros, se o modelo educativo que precisan os nosos alumnos é outro... por que non temos que facernos usuarios competentes das TICs?