Tipos de preguntas

 

Moodle pode xestionar internamente uns cantos tipos de preguntas: Calculado (volve a ser este o nome que aparece no programa), Descrición, Ensaio, Emparellamentos, Respostas inseridas (Cloze), Escolla (mesma razón) múltiple, Resposta breve, Numérico, Preguntas aleatorias de resposta breve exacta, e Verdadeiro/Falso.

 

 

 

Todas as preguntas almacénanse nun lugar común, un Banco de Preguntas, dende onde se copian e incorporan aos cuestionarios individuais que confeccionemos en cada momento. Neste Banco as preguntas organízanse por Categorías (poden ser temas, seccións ou calquera outra agrupación que queiramos). Este banco é común para todos os cursos que forman parte da plataforma Moodle do centro, polo que podemos compartilos con outros profesores do departamento, por exemplo. Tamén podemos utilizar as mesmas preguntas en distintos cuestionarios e en diferentes cursos de forma simultánea. Moodle ofrécenos a posibilidade de importar un cuestionario completo dun curso e integralo noutro curso distinto dun xeito moi sinxelo. Outra das vantaxes é que permite engadir ao cuestionario preguntas aleatorias dunha categoría seleccionada, así se todas as preguntas do cuestionario fosen aleatorias, cada estudante tería un conxunto de preguntas totalmente distinto cada vez que execute o cuestionario.

 

Hai máis características que son comúns a todas as preguntas:

  1. Cada pregunta individual identifícase por un nome descritivo dentro da súa categoría e unha icona que corresponde ao tipo de pregunta.
  2. Os textos das preguntas (e das respostas) poden incluír diferentes formatos: caracteres, táboas, imaxes, texto HTML, applets, expresións matemáticas, etc.
  3. Os cuestionarios poden ter un límite de tempo para estar dispoñibles.

Outro aspecto importante é que podemos permitir aos estudantes realizar intentos repetidos sobre unha pregunta ou ben que respondan o cuestionario varias veces (coa opción de que cada intento se constrúa sobre o anterior). Cada novo intento será rexistrado e cualificado, o docente pode elixir se se debe mostrar algún comentario ou as respostas correctas ao finalizar a actividade. Un cuestionario pódese resolver en varias sesións, e continuarse dende a última páxina da sesión anterior.

Cando un estudante fai clic no nome do cuestionario, aparecerá a páxina do cuestionario que mostra o seu nome e a introdución. Normalmente, a introdución ofrece ao estudante información sobre os obxectivos do cuestionario e o sistema de avaliación. Tamén pode mostrar as datas e horas de apertura e peche do cuestionario. O estudante non poderá acceder a el antes da data/hora de apertura e deberá asegurarse de que envía todas as respostas antes da data/hora de peche do cuestionario. Normalmente as respostas fóra de prazo non serán puntuadas.

Se un estudante xa intentou contestar o cuestionario, verá unha táboa cunha lista de todos os intentos previos xunto coa hora na que os fixo, a puntuación conseguida, as cualificacións correspondentes a cada intento e, opcionalmente, a resposta ou a mensaxe configurada para esa puntuación.

Como podemos imaxinar, un cuestionario en Moodle pode ser moi diferente e indubidablemente máis rico que o tradicional exame en papel.

 


Este material de A. Lomba e E. Gesteira está baixo unha licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 3.0 Unported.