A- Axustes do arquivo de vídeo
Se nos ámbitos tratados con anterioridade (imaxe e audio), a variedade de formatos pode chegar a despistarnos, cando comezamos a mergullarnos minimamente no vídeo dixital, corremos o risco de perdernos de todo.
Resolucións (HD, fullHD), extensións de arquivo, codificacións, estándares (NTCS e PAL), relación de aspecto (4:3, 16:9)... son algunhas das variables que atoparemos.
Aínda que o noso obxectivo no vai ser converternos en editores profesionais, coñecer minimamente algunhas destas claves vainos axudar a resolver certos atrancos cos que nos atopamos habitualmente.
Relación de aspecto
É a relación existente entre a base e a altura das pantallas.
O vídeo, ou as fotografías poden estar tomadas en distintas relacións de aspecto.
A continuación, a mesma imaxe en 3 das máis comúns para facer unha comparativa.
3:2 é a das cámaras fotográficas Réflex
4:3 é a da maioría das cámaras compactas e unha relación tradicionalmente empregada en TV
16:9 nas actuais cámaras de vídeo dixital e nos televisores e monitores panorámicos
Resolucións
Do mesmo xeito que ocorría coa imaxe fixa, as imaxes que se suceden no vídeo van ter un tamaño en píxeles.
As cámaras poden gravar nunha determinada resolución, as pantallas van ter unha resolución nativa, os lectores (DVD, Blueray) reproducirán un número de píxeles ou outros...
"Que eses factores conxuguen, afectará en gran medida nos resultados. Temos que ter en conta sempre que o tamaño dos arquivos é un factor importante, porque dependendo da capacidade do soporte ou si se trata dunha versión para un servidor online, a nosa creación debería ser exportada a un tamaño ou outro.
Isto afectará á calidade de reprodución a pantalla completa, por exemplo se pretendemos ver un vídeo de 854x480 nunha pantalla de 1920x1080 fullHD (ambos aspecto 16:9), xa que terá que ser escalada."
As máis empregadas:
- 1920x1080 (FullHD) (16:9)
- 1280x720 (HD) (16:9)
- 768x576 (DVD-PAL) (se os píxeles non son cadrados, adáptase ao aspecto 16:9 dos outros dous formatos anteriores. É o 16:9 anamórfico. Se non estaríamos nunha relación 4:3)
- 720x480 (DVD-NTSC)
Obviamente, canta más resolución máis tamaño de arquivo (no mesmo formato e compresión).
"Imaxina que queres montar un vídeo coas fotos da última actividade da escola, e que esas imaxes son tomadas pola cámara a unha resolución de 4288x2848.
Temos en cada imaxe unha cantidade de píxeles "sobrantes", que non aportarán máis calidade ao noso produto, pero que farán que o programa de edición de vídeo non funcione o áxil que debera (atrancándose en moitos casos).
O seu sería cambiar a resolución aos arquivos que imos empregar, gardando unha versión co tamaño escollido.
O proceso de ‘renderizado' tamén se acurtará considerablemente."
Extensións
No mundo dos arquivos de vídeo poderemos atoparnos con gran variedade de extensións, que darán ao tempo distintos atributos de tamaños, compresións, posibilidades de audio, subtítulos...
Exemplos do que nos podemos atopar:
- MPEG (2 e 4): o primeiro, máis empregado en DVD pola calidade, xa que aínda que comprime, ofrece uns bos resultados. O segundo está a ser moi empregado para vídeos de alta calidade difundidos en Internet.
- WMV (Windows Media Vídeo): tratase dun formato bastante estendido por ser no que codifica o editor gratuíto de Microsoft, Movie Maker.
- MOV: formato contedor de vídeo de Apple.
- VOB: arquivos que atoparemos nos discos con estrutura DVD de vídeo. Máximo tamaño 1Gb. Cando chega a este xerará outro.
- FLV (Flash Vídeo): formato moi empregado en Internet. Cando subimos un vídeo a YouTube dende os distintos formatos que admite, o servidor convérteo a Flash porque permite "streaming" (pode ser visto a pesar de non estar totalmente descargado).
- AVI: formato contedor de Microsoft que permite un fluxo de vídeo e varios de audio.
Algúns están pensados para internet, outros para os DVDs, algúns para un uso máis profesional... e seguro que atoparás moitos máis polo camiño.
En función do editor de vídeo que empreguemos poderemos exportar a uns e outros destes formatos. Tamén existen programas que exportan (codifican) arquivos en outras extensións.
"Para non ter problemas á hora de reproducir un arquivo de vídeo debemos de ter instalado o seu codec correspondente. Os programas reprodutores acostuman a traelos incorporados, aínda que por cuestións de licencias algúns programas precisan da instalación de paquetes de codecs adicionais."