A- Composición da imaxe

Compoñer unha imaxe significa distribuír os elementos que van aparecer dentro do encadre, independentemente de que esa imaxe sexa unha fotografía, unha secuencia de vídeo, unha viñeta...

O coñecemento de distintos tipos de planos e dalgunha regra básica de composición ou recurso, vainos ser de gran axuda nos comezos.

 

a.1. CENTRAR O INTERESE

Antes de disparar ou darlle a gravar á cámara debemos decidir cal é o elemento máis importante da nosa imaxe e enfocalo (máis adiante traballaremos a técnica do enfoque, porque poderá haber moitas diferenzas en función da cámara).

Ese elemento non ten porque ser o que está no centro, nin o máis próximo, nin o que ocupa a maior parte do noso encadre, simplemente será o elemento que decidimos como de máis interese no que queremos amosar.

Actividade do alumnado de 6º de Ed. Infantil do CEIP "A Lama" para o coñecemento do seu corpo

 

a.2. A REGRA DOS TERZOS

Consiste en dividir o encadre en nove partes iguais empregando dúas liñas verticais paralelas, equidistantes, e dúas horizontais (equidistantes tamén).

Aplicando esta regra utilizaríamos as liñas ou as interseccións destas, para situar os elementos principais que entrarán na composición.

O obxectivo é a creación dunha imaxe esteticamente agradable e equilibrada.

  Saída escolar ao Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán (Pontevedra)

Se traballamos con paisaxes, interpretaremos esta regra situando a liña do horizonte nunha das liñas horizontais imaxinarias, facendo que o ceo ocupe 2/3 da composición se lle queremos dar predominancia, ou 1/3 se queremos dar prioridade á terra.

Para centrar o interese sobre dous elementos, escolleremos dúas interseccións opostas, preferiblemente en diagonal.

A regra dos terzos poderá aplicarse independentemente de que escollamos un formato horizontal ou vertical.

 

[Obxectivo: desterrar a crenza errónea de que os elementos principais da composición deben situarse no centro]

 

a.3. ENCHER O ENCADRE

Se empregamos a maior parte da nosa fotografía con aquilo que queremos que centre o interese, estamos asegurándonos conseguir este obxectivo.

Un erro moi común consiste en querer sacar demasiadas cousas. A sinxeleza axudará a que a nosa imaxe funcione e fixe a atención do observador.

 Xogo de papel elaborado polo Equipo de Biblioteca coas recomendacións lectoras para o Nadal '12

 

a.4. RELACIÓN ENTRE A FIGURA E O FONDO

A profundidade de campo é a relación de nitidez que hai entre o que está no plano do enfoque e o que temos máis preto ou máis lonxe deste centro de interese.

Agasallo por participar cunha creación literaria no Día do Libro '12

As figuras non deben quedar absorbidas polos fondos. Deste xeito conseguiremos manter a atención. Observar demasiados elementos con detalle non fará máis que distraernos do motivo principal.

Para conseguir maior ou menor profundidade de campo (maior ou menor nitidez nos elementos que están fóra do plano de enfoque) traballaremos máis adiante os conceptos de "apertura de diafragma" e de "distancia focal".

 

a.5. OUTROS RECURSOS A EMPREGAR

Para enriquecer as nosas composicións tamén poderemos incluír nas nosas imaxes recursos como: o contraluz, os reflexos e as sombras, e o apoio nas liñas.

Buscando integrar estes elementos nas nosas fotografías faremos que crezan en interese, que chamen a atención.

 

Sombras

Nesta imaxe podemos observar como empregando a sombra como recurso, podemos facer que os alumnos que obviamente non se podían situar na laxe dos petróglifos, aparezan na nosa imaxe.

 Grupo de alumnos do CEIP "A Lama" visitando o Centro deInterpretación da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra)

 

Reflexos

Aproveitando os reflexos tamén podemos facer que aparezan en escena personaxes que nun principio non cabían no noso encadre e aportar maior interese á imaxe.

Experimentos con vapor para o Proxecto Documental Integrado "A Auga" '11

 

Contraluces

Ás veces a fonte de iluminación está detrás do elemento a fotografar. Cando é así podemos conseguir o efecto contraluz se sabemos medir a exposición en calquera das situacións do noso encadre.

Instantánea da obra de teatro para escolares "Os catro da Xunqueira" curso '11

 

 Apoio nas liñas

Tanto se son curvas, como rectas, as liñas axudarannos a dirixir a nosa atención ás partes da composición que nos interesen. (No exemplo, os cantos do libro diríxennos ao seu ilustrador)

As liñas tamén poden introducir sensacións como movemento, direcionalidade, inestabilidade...

Visita do ilustrador Marc Taeger a www.orecantodeleo.org en decembro '11