Identificación de incidencias técnicas
Identificación do elementos que está a dar o erro
Cando estamos a realizar na aula unha actividade na que están implicadas as tecnoloxías da información e da comunicación son moitos os elementos técnicos que entran en xogo. Cada un de eles é susceptible de ser o portador do problema polo que, antes de tentar amañar nada, é moi importante identificar que elemento concretamente é o que está a fallar.
Existe unha falsa idea de que só os usuarios con altos niveles de coñecemento tecnolóxico están capacitados para a resolución de incidencias informáticas, isto pode ser debido ao descoñecemento xeral que existe das ferramentas informáticas, pero tamén á gran evolución que estas sufriron en moi pouco tempo.
Identificar a orixe dunha incidencia non é tan complexo, poñamos un exemplo:
Estamos tranquilamente na nosa casa lendo un libro. A única luz que temos acesa é a de unha lámpada de lectura que temos ao noso carón. De súpeto a lámpada deixa de funcionar e, loxicamente, quedamos ás escuras coa intención de solucionar o problema.
Que facemos primeiro?
É moi probable que o primeiro sexa prender outra luz da casa, deste xeito identificaremos se o problema é común a toda a instalación ou só afecta á nosa ben querida lámpada. De identificar que o problema afecta a toda casa, seguramente tentaremos comprobar se os veciños teñen corrente e, se non a teñen, ficaremos tranquilos á espera de que "alguén" solucione o problema xeral. No caso de que o veciño non teña problemas teremos que continuar coas comprobacións.
Que ocorrería se detectamos que o problema está na nosa lámpada?
Pois o máis probable é que colléramos outra bombilla e lla colocaramos a esta lámpada para determinar se o erro está na lámpada ou simplemente a bombilla estaba fundida. Pouco a pouco iremos determinando a orixe do problema e, dependendo desta, arranxarémolo nós ou teremos que pedir axuda.
Pois en cuestións informáticas pasa exactamente igual. O primeiro que temos que determinar é o elemento da infraestrutura que ten o problema. Para isto, unha proba sinxela é ir substituíndo un elemento por outro ata atopar o que non funciona, será esta unha forma de ir pechando o círculo. Exemplos:
-
O proxector non proxecta a imaxe do equipo:
-
As primeiras probas que realizaremos serán as de comprobar tanto as conexións físicas como as configuracións dos diferentes equipos implicados. Na maioría das incidencias a orixe do erro é totalmente simple:
-
Comprobación da conexión física: cable VGA ben conectado. Comprobaremos que o porto no que está conectado no proxector é o correcto, INPUT 1 ou INPUT 2
-
Comprobación de que o equipo está enviando a sinal de vídeo: Normalmente utilízanse a pulsación repetida da tecla FN+imaxe (F4, F5, F*...)
-
No caso de que non solucionemos o problema deste xeito o máis efectivo é comprobar o propio equipo conectándoo a outro proxector, determinando así se o erro está no equipo. Ou conectar outro equipo ao noso proxector, determinando así se o erro está no proxector. Trátase de unha pequena investigación tras outra.
-
Outro exemplo: O equipo non ten conexión de rede:
-
As primeiras probas, ao igual que no caso do proxector, consistirán en determinar a configuración física e lóxica da nosa conexión. Imos dividir entre conexión wifi e de cable xa que, dependendo do tipo, podemos atender a unhas cousas ou outras
-
Conexión de cable: comprobaremos que o cable está correctamente conectado á roseta da parede e que o LED da nosa tarxeta está aceso. Se estivera apagado significaría que do outro lado da roseta non existe electrónica de rede parcheada que complete o enlace.
-
Conexión inarámica: en caso de tratarse de unha conexión wifi comprobaremos que o dispositivo wifi do noso equipo está aceso. Isto realízase, no caso dos portátiles, nun interruptor físico que ben pode estar integrado no portátil ou no propio teclado do equipo. De tratarse de un equipo de sobre-mesa a tarxeta wifi está acesa por defecto sempre.
-
Comprobaremos que a configuración TCP/IP do noso equipo é a correcta dirixíndonos ao dispositivo de rede implicado (wireless ou ethernet), e comprobando os parámetros de configuración. No caso de estar nunha rede con servizo DHCP a configuración debera estar en automática. De non existir este servizo é moi importante prestar atención a todos e cada un dos números que alí aparecen (IP, máscara, porta de enlace e DNS), xa que basta un único número mal posto para que o equipo non sexa quen de establecer conexión.
-
De continuar con problemas chega o momento de verificar se a incidencia está no equipo ou na rede. Tentaremos probar con outro equipo o máis similar posible e determinaremos así se temos que seguir loitando co equipo, ou xa nos pasamos a investigar na infraestrutura de rede do centro.