SO de ordenadores persoais
Os ordenadores persoais son máquinas hardware compostas por diferentes elementos físicos que, funcionando en conxunto, dan a posibilidade aos usuarios de executar aplicacións para cubrir determinadas necesidades. Dentro dos diferentes elementos hardware que compoñen os ordenadores existen algúns totalmente vitais e comúns (placa base, procesador, memoria RAM, disco duro, placa base, etc), e outros que veñen a dotar de funcionalidades extra sobre o deseño orixinal.
Para que todos estes elementos hardware cheguen a funcionar conxuntamente é preciso de uns pequenos programas (software) que entendan como está deseñado o dispositivo concreto e permita a comunicación deste co resto da máquina. Estes pequenos programas son os que chamamos "drivers" ou "controladores" e, para determinados elementos, son específicos por marca e modelo.
Imaxinade que un ordenador é o noso corpo humano, probablemente o SO que nos instalemos saberá manexar os pulmóns e o corazón sen maior problema, pero para poder interpretar a información dun reloxo que levamos suxeito ao pulso será preciso un coñecemento extra que nos permita integrar as funcións do reloxo no conxunto do noso corpo. A este coñecemento é ao que denominamos "drivers", que insistimos, non deixan de ser pequenos programas.
Cando instalamos un SO nun ordenador, xa sexa de sobremesa ou portátil, existen determinados drivers cos que seguramente non atopemos problema de ningún tipo, e outros que pola especificade do modelo teremos que instalar manualmente porque son programas que non veñen contidos no sistema operativo. Os dispositivos hardware máis comúns e que acostuman a dar máis problemas son as tarxetas inarámicas e as da tarxetas gráficas.
Cando atopamos que un SO non dispón do driver preciso para facer funcionar algún dispositivo en concreto o que temos que facer é conseguir o programa por separado e instalalo manualmente. Dependendo da situación concreta o procedemento pode variar:
-
En equipos con GNU/Linux procede visitar a páxina do fabricante do dispositivo en concreto. Alí buscaremos o modelo exacto do dispositivo e comprobaremos se existe driver para facelo funcionar para este sistema. Seguramente nos atopemos que o fabricante non dota drivers para este tipo de sistema, polo que teremos que recurrir á comunidade buscando documentación creada polos usuarios. Por norma xeral, sempre que o equipo non sexa de ultimísima xeración, non existen problemas insalvables de drivers en GNU/Linux.
-
En equipos con Windows convén ir á páxina do fabricante do PC e buscar en "Soporte e controladores" o modelo concreto do noso equipo para comprobar se están alí dispoñibles os drivers. De non ser así podemos visitar a páxina do fabricante do dispositivo en concreto e buscar polo modelo exacto. De non ter sorte quedaranos realizar unha busca nos foros que hai dispoñibles na rede.
-
O modeo de negocio de Apple integra software e hardware como un únco producto, de xeito que o propio SO de MAC xa trae os drivers dos dispositivos porque, lóxicamente, sonlle totalmente coñecidos.
Entre a oferta de sistemas operativos para equipos de usuario existen tres tipos de sistemas operativos máis comúns:
SO baseados en GNU/Linux
Descrición
O proxecto GNU naceu a principios dos anos 80 coa motivación de "volver ao espírito de cooperación que prevaleceu nos tempos iniciais da comunidade de usuarios de computadoras", ao longo de esa década o proxecto liderado por Richard Stallman desenvolveu un SO estancándose a finais dos 80 nunha das súas partes. Debido a que a licenza do software (GPL) o permitía, a principios dos 90 Linus Torvalds comezou a escribir a parte que lle falta a a GNU chegando así a aparecer a primeira distribución de SO libre: GNU/Linux.
Co paso do tempo a través da propia comunidade ou de empresas especializadas foron aparecendo diferentes variantes de GNU/Linux, que é o que coñecemos como distribucións GNU/Linux. As primeiras distribucións en aparecer foron Debian (soportada aínda hoxe pola comunidade) e RedHad, proxecto comercial baseado en software libre.
Como decidir a distro a instalar no noso PC?
Existen diferentes criterios á hora de tomar esta decisións:
- Compromiso co software libre: neste caso a distribución máis comprometida é Debian
- Nivel de finalización para o usuario final: Para usuarios medios sen coñecementos técnicos sobre GNU/Linux Debian pode resultar árida, polo que unha boa elección pode ser LinuxMint ou Ubuntu.
- Necesidade específicas para os usuarios: Por exemplo, se o equipo vai a ser utilizado como servidor o criterio dos técnicos será fundamental, se se trata de un equipo antigo, unha boa opción para recuperalo é optar por GALPon Minino [1], etc.
En todo caso é importante diferenciar entra SO, escritorio e aplicacións.
- O SO permite comunicar ao usuario coa máquina
- O escritorio permite comunicar ao usuario co SO
- As aplicacións, instaladas sobre o SO, dotan de funcionalidades específicas para o aproveitamento por parte do usuario.
Así pois, independentemente do SO utilizado, a atención do usuario debe recaer máis nas aplicacións a utilizar que no propio SO.
Instalación
Para instalar un SO GNU/Linux debemos acceder á páxina da distribución en concreto, descargala, copiala nun medio arrancable (CD ou USB) e proceder á súa instalación. Dependendo da versión permitirá a súa execución en modo "live" ou non.
Windows, SO pertencentes a (c) Microsoft
Descrición
O SO operativo Windows comercializouse por primeira en novembro de 1985. Instalado sobre MS-DOS permitía ao usuario manexar o sistema a través de ventás que constituían o seu escritorio. Grazas a un contrato co xigante da informática IBM Windows foi preinstalado dende fábrica na maioría dos ordenadores persoais do mundo, razón pola que se converteu no SO máis utilizado e popular.
Instalación
Por norma xeral existen acordos entre Microsoft e os grandes fabricantes de hardware que fan que o SO Windows veña preinstalado nos equipos que mercamos sen posibilidade, na maioría dos casos, de renunciar a este producto. É curioso ver como en determinados casos se inclúe na factura sen posibilidade de decidir non adquirilo. Este tipo de licenzas, denominadas OEM son específicas para ese equipo en concreto, co que non poderiaos instalar ese Windows en outro equipo.
Por outro lado en Microsoft Store podemos mercar diferentes versións do sistema operativo, dende a súa versión máis básica a "Home Premium", ata a máis avanzada "Ultimate N"
SO pertencentes a (c) Apple
Descrición
Este SO creado pola empresa Apple está deseñado específicamente para a súa liña de ordenadores persoais. Foi o primeiro SO con interfaz gráfica (escritorio) integrado no que se podía interacciónar co rato, ventás, iconos e menús.
Inicialmente este sistema foi totalmente desenvolto por Apple, ata que no 1999 aparece a versión Mac OS X baseada no SO UNIX.
Instalación
Apple non permite a instalación de Mac OS en ningún equipo que non sexa da súa propia marca. Así só poderemos instalar Mac OS de xeito legal nun equipo Appel que, por outro lado, xa o traerá preinstalado.