4.- Formato celas-táboas
Non imos deixar o traballo tal e como quedou. Podemos melloralo esteticamente, facéndoo máis atractivo e personalizado.
Calc permite cambiar o tipo de letra, tamaño, cor, cor de fondo, de bordo... do mesmo xeito que se fai nun procesador de textos: seleccionando e escollendo, na Barra de ferramentas de formatado o que precisamos.
Tamén podemos ir a Barra de menús – Formato – Celas. Aí abrirase unha ventá que nos dá opcións para cambiar formatos de texto, de número, así como bordos e cores de fondo da cela.
Quédanos outra opción menos persoal pero máis rápida, o Formato automático. Son formatos predefinidos que nos ofrece Calc. Á nosa táboa de cualificacións engadirémoslle un destes formatos.
1.- Seleccionamos o rango de celas as que queremos darlle forma.
2.- Imos a Barra de menús – Formato – Formato automático.
3.- Aparecerá unha nova ventá na que escolleremos o modelo que se adapte á nosa táboa e aos nosos gustos.
4.- Dámoslle a aceptar
Aínda neste modelo automático, podemos facer cambios. Por exemplo, se queremos a letra máis grande, ou mellorar o título da nosa táboa.
NOTA: Ao aumentar o tamaño dos caracteres dentro das celas pode ocorrer que o contido non caiba dentro delas. Se nos fixamos na imaxe anterior, nalgunhas celas aparece un pequeno triángulo vermello, que nos está a indicar esta circunstancia. Esto podemos arranxalo situando o cursor na mediana de separación entre as columnas correspondentes e, cando este se converta nunha especie de cruz, sen soltar o botón dereito do rato, arrastrar cara esquerda ou dereita, o límite das columnas. Tamén podemos arranxalo facendo dobre clic sobre o límite de separación de columnas.
Outras accións:
Inserir fila/columna: seleccionada a fila/columna sobre a que queremos inserir unha nova (no caso de fila aparecerá enriba da fila seleccionada, a nova columna aparecerá á esquerda de seleccionada), prememos o botón dereito de rato; abrirase un menú no que aparece a opción Inserir fila/columna.
Eliminar fila/columna: Seleccionamos a fila/columna a eliminar, prememos botón dereito do rato e escollemos Eliminar fila/columna.
Como podemos ver, este menú tamén nos sirve para Eliminar contido da fila ou columna seleccionada.
Nestes casos, segundo o número de filas ou columnas seleccionado, así teremos filas ou columnas novas; é dicir, se seleccionamos dúas filas, aparecerán dúas filas novas enriba das seleccionadas.
Combinar celas: Para converter varias celas nunha soa, seleccionaremos as celas que queremos unir e imos a Barra de menú – Formato – Combinar celas.