A danza da regueifa
Actividade: A Danza da Regueifa
A regueifa, a maiores da controversia dialéctica tamén está asociada á danza. Un ritual que chega aos nosos días grazas ao traballo feito por multitude de Asociacións Culturais que investigaron e recrearon dito baile. Ben é certo que a primeira gravación que atopamos explicitamente a “danza do molete” é do ano 1959. A sección feminina fixo a súa propia interpretación deste tipo de manifestacións artísticas para mostrar nos seus espectáculos dito baile.
Aquí temos un artigo moi interesante de Anxo Martínez San Martín que a describe como danza nupcial:
“Danzas nupciais: sen dúbida representadas polo baile da regueifa. Este baile toma o seu nome dun molete de pan branco ou unha rosca que os padriños ou os noivos regalaban á mocidade da aldea. Durante a realización de dito baile este molete era mantido en equilibrio sobre a cabeza de unha ou varias bailadoras. A distribución xeográfica do baile da regueifa abarca gran parte da provincia da Coruña (sobre todo pola Costa da Morte e Barbanza). Segundo as zonas a regueifa podía ser unha sorte de concurso no que o mellor bailador gañaba como premio o molete ou ser simplemente un baile ó remate do que o molete era repartido entre a mocidade. Como baile era simplemente unha muiñeira (en calquera das súas formas) que máis raramente era seguida dunha jota. A regueifa adoitaba ser adobiada con fitas, flores de papel, laranxas, lambetadas, etc. alcanzando unha gran vistosidade.”
Fonte: Martínez San Martín, Anxo. Historia e evolución da danza en Galicia. Ultreia
A pesar de que se poda asociar esta danza ás recollidas nas zonas do Barbanza e a Costa da Morte seguro que existían en máis zonas de Galiza. Aquí temos outro artigo moi interesante de Dionisio Pereira que fala dunha danza da regueifa en Santa Marta (Santiago de Compostela) a comezos do século XX.
Santa Marta
O barrio, cos seus hábitos tradicionais como as persistentes regueifas co gallo das bodas, foi, antes que o centro da cidade, a «patria miúda» de moitos militantes obreiros e republicanos; entre eles José Pasín, que sempre conservou a expresión de «vou subir a Santiago» dende a súa Santa Marta natal.
[...] Era costume facer a regueifa por conta dos noivos, o día do casamento, e das mozas e mozos solteiros ao domingo seguinte. O premio da regueifa consistía nun gran molete de pantrigo, que levaba cravado no medio un ramallo cheo de rosquillas e flores. Facíase o baile e, á noitiña, noivos e padriños repartían pan e viño entre todos os asistentes; logo, comezaba a regueifa por parte de poetas improvisados, que trobaban cantares relativos á voda, e concedíase o molete ao que máis lles gustara aos asistentes. Tamén era habitual agasallar as mozas co ramallo de rosquillas. A festa era ben simpática cando os regueifeiros cantaban e se contestaban con graza os uns aos outros, valéndose de versos e chismes maliciosos referidos a asuntos de actualidade; pero a cousa cambiaba cando se metían no medio algúns que, faltos de talento, dicían mil e unha barbaridades entre as asubiadas do público e o asunto remataba en pendencia. A regueifa das mozas resultou divinamente; danzouse nas eiras do «Paxarelo» e da «Maldita», que antes estaban unidas, e pola noite trobaron os regueifeiros con arte e gusto, nun ambiente de diversión e xocosidade. Recibiu o molete dos solteiros o famoso regueifeiro Pedro «O Cagallo», que cantaba ben e medía o verso sen descoidar a métrica e consoantes; ademais, salfería os poemas con xestos e frases de tan cómica oportunidade, que gañou a regueifa por aclamación. Na regueifa que dan os noivos, logo do baile que ten lugar a rentes da porta do domicilio, colócase o molete na fiestra da casa, se a tiña, ou se non na da máis próxima [...]
Fonte: Pereira, Dionisio. José Pasín Romero: Memoria do proletariado militante de Compostela, editado pola Fundación 10 de Marzo.
Aquí vos deixamos un enlace do programa Alalá sobre a regueifa. Se vos presta, buscade catro enlaces máis na arañeira que mostre este tipo de manifestacións artísticas.
Método de calificación: Calificación más alta