Proxectos

Axuda rápida

Solucións ás situacións que poden xurdir no uso dos paneis dixitais interactivos.

O panel non acende

Se o botón de acendido (parte frontal, abaixo á dereita) non ten luz, comprobar que o panel está enchufado e que o interruptor de alimentación está acendido.

  • Sen luz: panel desenchufado ou interruptor apagado.
  • Luz laranxa: listo para acender.
  • Luz branca: acendido.

Apagado correcto do panel

Manter premido o botón uns segundos e confirmar o apagado. Se o módulo OPS está en funcionamento, pechar antes o seu sistema operativo.

Unha pulsación curta só pon o panel en modo de espera.

O panel queda acendido fóra do horario

  • Programar o apagado en Axustes › Sistema › Inicio e apagado.
  • Ou activar en Axustes › Sistema › Aforro de enerxía o «Modo de espera automático» ou o «Apagado automático» (15, 30, 60 ou 90 minutos de inactividade).

En períodos longos sen clase, cortar a corrente co interruptor da parte inferior.

Panel bloqueado por un patrón

Se se esquece o patrón de bloqueo, o panel queda inutilizado e só o persoal técnico da UAC pode restauralo de fábrica.

Para evitalo, establecer un contrasinal de administración en Axustes › Administrador, que impide crear patróns de bloqueo.

Contrasinal de administración esquecido

Contactar coa UAC. Neste caso non é necesaria a restauración de fábrica.

A pantalla táctil non responde cun equipo conectado por HDMI

Ademais do cable HDMI, hai que conectar o cable USB Touch ao porto USB correspondente da parte traseira do panel.

Webcam ou teclado sen fíos sen funcionar nalgún modo

Os portos USB compártense entre módulos e fontes: conectalos aos portos USB 3.0 para que funcionen en todos os modos.

O teclado non funciona sen o seu adaptador: non cambiar un sen o outro.

Imaxe do módulo OPS demasiado pequena

Configurar o módulo OPS a resolución Full HD (1920 × 1080) en lugar de 4K.

Conexión á wifi edu.xunta.gal

  • É preciso crear unha conta específica para cada panel.
  • O módulo OPS configúrase á parte do módulo Android.
  • Un cable conectado ao porto de rede do OPS non dá conexión ao Android.

O panel vai lento

Pode deberse á acumulación de ficheiros: activar o borrado automático en Axustes › Administrador › Eliminar automaticamente os ficheiros (1, 7 ou 30 días) e gardar os ficheiros importantes nun USB ou na nube.

Se o problema apareceu tras instalar unha aplicación, desinstalala. Se persiste, a UAC pode restaurar o panel de fábrica, con perda de todos os datos.

Uso de aplicacións non instaladas no panel

Recoméndase non instalar aplicacións directamente no panel e usalas desde un portátil ou tableta conectados.

Se se instalan desde a Play Store, evitar contas corporativas ou persoais.

Sen son nos altofalantes

Os auriculares conectados á saída AUDIO OUT desvían o son automaticamente.

Se se modificou a saída de son, volver seleccionar «Altofalantes».

O micrófono deixa de funcionar ao cambiar de fonte

O panel non ten micrófono integrado e, ao cambiar a unha fonte HDMI, o micrófono deixa de funcionar ata reiniciar.

Para evitalo, configurar a canle de inicio (Axustes › Sistema › Inicio e apagado › Canle de inicio) como «Última canle apagada».

Son molesto ao escribir no teclado virtual

Desactivar «Son ao tocar» en Axustes › Entrada e saída.

Monitor na mesa do docente

Conectalo á saída HDMI OUT e configurar Configuración › Sistema › Entrada e saída › Configuración do visor da fonte externa › Formato de saída HDMI en «1080_60Hz».

O monitor só pode mostrar o mesmo que o panel (modo espello).

Actualización do software do panel

Require conexión a internet. En Configuración › Sistema › Actualización do sistema:

  1. Premer en «Comprobar a actualización».
  2. Premer en «Descarga».
  3. Premer en «Instalar».
  4. Premer en «Confirmar».

Non apagar nin interromper o proceso; o panel pode reiniciarse varias veces.

Limpeza da pantalla

Coa pantalla apagada e desconectada, usar un pano de microfibra humedecido cun produto específico para pantallas.

Nunca aplicar líquido directamente nin usar amoníaco, alcol, disolventes, papel ou materiais abrasivos.

Non sabes cal é a asesoría do teu centro?

Consulta o mapa interactivo: elixe a zona ou preme no teu concello e verás todos os centros educativos que atende cada asesoría.

Abrir o mapa de zonas