Proxectos

Preguntas frecuentes

Para poder acceder á aplicación abalarMóbil é preciso que o seu número de teléfono estea rexistrado na plataforma XADE (base de datos do centro educativo).

Primeiro acceso

O primeiro paso que debe realizar é o rexistro:

  1. Introduza o seu número de teléfono móbil e prema en «Enviar».
  2. Recibirá unha mensaxe cun código que terá que introducir na pantalla correspondente e premer en «Enviar código».
  3. Na seguinte pantalla solicítase un contrasinal, que será o que utilizará para acceder á aplicación. Deberá escribilo nos dous recadros e premer en «Aceptar».
  4. Aparecerá unha pantalla na que se indica que o rexistro foi completado correctamente. Para finalizar, soamente é preciso premer en «Continuar» e acceder a abalarMóbil co contrasinal elixido, para poder visualizar os datos do alumno.

Requisitos do contrasinal

O contrasinal de usuario debe cumprir os seguintes requisitos:

  • Conter como mínimo 8 carácteres, incluíndo maiúsculas, minúsculas e números.
  • Non pode ser igual ao último empregado.
  • Non pode estar composto polo DNI nin polo nome ou apelidos do propio usuario.

Teléfono non asociado a ningún alumno

Se lle aparece unha mensaxe indicando que o seu teléfono non está asociado a ningún alumno, é porque o seu número non está rexistrado na plataforma XADE.

Para solucionar este problema, deberá acudir á secretaría do seu centro e solicitar que se actualicen os números de teléfono móbil na súa ficha como responsable do alumno.

Teléfono asociado a máis dun usuario

O número de teléfono móbil que utilice para acceder á aplicación abalarMóbil soamente pode estar asociado a un usuario, é dicir, nin o alumno nin ningún outro responsable pode ter rexistrado ese mesmo número de teléfono.

Para solucionar este problema, deberá acudir á secretaría do seu centro educativo e solicitar que modifiquen os números de teléfono móbil que están asociados ao alumno e/ou aos responsables.

Uso en varios dispositivos

O contrasinal é o mesmo para todos os dispositivos. Unha vez finalizado o rexistro no primeiro dispositivo poderá proceder ao rexistro no seguinte, utilizando o mesmo número de teléfono.

Por motivos de seguridade solicítase un novo contrasinal, que deberá ser diferente aos 5 últimos elixidos. É dicir, se desexa rexistrar máis dun dispositivo, o último contrasinal elixido será o establecido e co que poderá acceder á aplicación desde calquera dos dispositivos.

Se realizou un novo rexistro e aínda conserva activa a sesión dalgún outro dispositivo, deberá volver identificarse co novo contrasinal.

Alumnado maior de idade

Cando o alumnado é maior de idade, xa ten á súa disposición a información a través da app, que pode descargar empregando os seus datos.

Para que as persoas titoras sigan tendo acceso á información académica, á xustificación de faltas e ás demais funcionalidades, o propio centro ten que habilitar a recepción de notificacións desde o sistema de xestión académica (XADE).

Non sabes cal é a asesoría do teu centro?

Consulta o mapa interactivo: elixe a zona ou preme no teu concello e verás todos os centros educativos que atende cada asesoría.

Abrir o mapa de zonas