A dirección do centro designa unha persoa coordinadora do proxecto, preferentemente docente con destino definitivo, con formación e experiencia en TIC e con horario lectivo e/ou complementario asignado.
Información ás familias
Ao comezo de cada curso, e sempre que faga falta, o centro convoca reunións informativas coas familias do alumnado que se incorpora a E-Dixgal: funcionamento do proxecto, responsabilidade sobre o equipo e posibilidade de contratar un seguro.
Folleto informativo para as familias (PDF)
Recepción do equipamento
- Os equipos chegan automaticamente en setembro segundo a matrícula rexistrada no XADE, sen facer ningunha petición. Por iso convén ter os datos do alumnado no XADE canto antes.
- Desde outubro non hai envíos programados: se fai falta algún equipo máis, solicítase ao Servizo Premium.
- Os equipos aparecen na aplicación de xestión, desde onde se descargan os acordos de cesión.
- Recoméndase etiquetar cada equipo co nome do alumno ou alumna e o número de serie.
Acordo de cesión
- Identifica a marca, o modelo e o número de serie do equipo asignado.
- Unha vez asinados, os acordos escanéanse e súbense á aplicación de xestión.
- Se a familia non o asina, mantén igualmente a responsabilidade sobre os danos, e o alumno ou alumna non pode usar o equipo fóra do centro.
- O uso non permitido do equipo pode considerarse conduta contraria á convivencia, se o centro así o decide.
Equipo do profesorado
O profesorado de centros públicos que imparte unha materia E-Dixgal pode solicitar un portátil en préstamo mentres a imparta. A persoa coordinadora indica na aplicación de xestión, en setembro e outubro, quen o quere. O equipo vai asociado á materia: en caso de baixa ou permiso, pásase á persoa substituta.
Recollida a final de curso
- A persoa coordinadora recolle os equipos e imprime os documentos de devolución na aplicación de xestión.
- Antes de que asine a familia, revísase cada equipo e anótanse nas observacións os problemas (roturas, sen lapis, sen cargador), que se comunican ao Servizo Premium.
- O alumnado que continúa no centro pode quedar co equipo durante o verán ou deixalo no centro, se a dirección o permite.
- O alumnado que non continúa deixa o equipo no centro a finais de xuño para preparalo para o curso seguinte.
- Tamén se recollen os portátiles do profesorado que non siga en E-Dixgal ou que decida deixalo no centro.